Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Fundación Galicia Universal

Novo cesto con vellos vimbios na emigración galega en Cataluña

O sábado constituirase unha fundación que promete renovación co mesmo líder que presidiu a federación de asociacións durante o fraguismo.

Moisés Álvarez - 18:30 18/11/2009

Durante 16 anos, Ernesto Lagarón presidiu, con algunha intermitencia, a Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña (Fegalcat). En 2005, coincidindo co triunfo electoral de BNG e PSdeG en Galiza, Lagarón perdeu a presidencia da federación diante de Luis Lamas. En 2007 non conseguiu volver á presidencia, e pasadas as últimas eleccións en Galiza, encabezou en maio de 2009 unha nova “asociación de asociacións”, que este sábado se transformará na Fundación Galicia Universal. El asegura que o obxectivo é “profundar na representación da cultura galega do século XXI en Cataluña”, pero outras voces na emigración relacionan esta manobra co seu carácter presidencialista, discrepan da súa capacidade renovadora e poñen o acento nas súas relacións co poder político e económico.

A Fundación Galicia Universal celebrará este sábado a súa asemblea constituínte. Preséntase como a visión renovadora do que debe ser a cultura galega no exterior. “Queremos dar a coñecer en Cataluña aos galegos e á nosa cultura máis aló do que é o polbo e o folclore”, proclama Ernesto Lagarón. Di que axudarán aos mozos emprendedores e promoverán actividades máis atractivas para as novas xeracións co apoio de empresarios de raíces galegas asentados en Cataluña.

A asemblea deste sábado contará con tres foros, o social, o cultural e o de emprendedores, que “sentarán as bases que van marcar a dirección da fundación”, explica Lagarón. Encabezaranos persoas ben situadas no mundo político e empresarial de Barcelona: o foro social dirixirao Margarita Álvarez, ex presidenta do Instituto da Muller en Cataluña; o cultural, Xosé Antón Pet Pose, ex delegado de Tabacalera en Cataluña; e o de emprendedores, o empresario Xulio Viveiro. Na xunta directiva da fundación, estes tres nomes uniranse aos dos presidentes das sete asociacións fundadoras.

Ego persoal” e “folcloradas”
Tras a aparencia dunha iniciativa renovadora, Luis Lamas, presidente da Fegalcat, cre que a creación da Fundación Galicia Universal responde ao afán de protagonismo de Ernesto Lagarón. Non só presidiu a federación ata o 2005, senón que é presidente da asociación Saudade desde que el mesmo a creou hai 20 anos. “Ten contactos na Xunta, na Generalitat e no Concello de Barcelona”, indica Lamas, “pero creo que se trata dunha cuestión de ego persoal, só que os políticos hai veces que deixan facer”. Lagarón di que detrás da fundación “non están nin o goberno galego nin o catalán nin o concello. É un tema que facemos por iniciativa propia e logo presentarémolo a quen faga falta”.

Desde Ergac, unha das asociacións que forman Rede.cat, Suso Mon non se cre que a nova fundación pretenda renovar a visión da emigración galega en Cataluña. “Lagarón mantívose como presidente da federación durante o fraguismo, nunha presidencia que para nada foi democrática. E agora di que vai facer cousas novas, cando durante 16 anos usou os cartos da Xunta para folkloradas e laconadas”.

Manuel Dobarco e o caso Pretoria
Na orixe da nova fundación están as sete entidades que, logo de desmarcarse da federación de asociacións, deron a coñecer en maio deste ano a Aegalcat: Asociación de Entidades Culturais Galegas en Cataluña. Lagarón era o presidente desta entidade que agora di que vai ser substituída pola nova fundación. Por que crear unha fundación seis meses despois de montar unha “asociación de asociacións”? Lagarón di que “unha federación é moi limitada en todos os aspectos. Necesitas outras maneiras de financiar proxectos, porque coas axudas da administración pódese avanzar pouco”. Luis Lamas apunta outro motivo: “Aegalcat non chegou a inscribirse como asociación porque na Dirección Xeral de Asociacións non lles aceptaron o nome”. A denominación recolle case textualmente a de Fegalcat, que o propio Lagarón fundou en 1989.

Para Suso Mon, “interésalles substituír o nome da entidade para que non se vincule con Manuel Dobarco Touriño”. Dobarco era secretario da Fegalcat cando a presidía Lagarón e foi despois secretario de Aegalcat. Pero é máis coñecido como tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo polo PSC no concello de Santa Coloma de Gramanet, onde acabou como un dos nove detidos no caso Pretoria, no que o xuíz Garzón investiga unha trama de corrupción urbanística en Cataluña. “Sempre foron xente que foi da man”, sinala Mon sobre Dobarco e Lagarón.

Feijoo sementa discrepancias
As entidades galegas en Cataluña organízanse desde hai 20 anos arredor de Fegalcat, e desde hai tres anos tamén arredor de Rede.cat. Pero en maio deste ano apareceu Aegalcat, para ocupar un espazo moi similar ao de Fegalcat. Ernesto Lagarón considera que as asociacións son complementarias, “con obxectivos distintos e formas distintas de ver as cousas. Cando marchamos da federación era porque apostabamos por outra liña.”.

Catro días despois de que se crease Aegalcat, Alberto Núñez Feijoo visitou por primeira vez Cataluña como presidente da Xunta. E dirixiuse á sede da asociación Saudade, sede tamén de Aegalcat. Lagarón asegura que tiña comprometida esa visita desde 2007, tanto se era elixido presidente como se non. Pero na federación sentou moi mal que se dirixise a unha asociación que viña de abandonar a federación en lugar de facelo á entidade que agrupa á maioría de asociacións desde hai 20 anos. Suso Mon valora o feito de que o secretario daquela nova asociación estea agora detido polo caso Pretoria, e considera que o presidente da Xunta “o que fixo foi santificar o chiringo de Aegalcat. Foi un esvarón”. Feijoo tratou de emendar a situación a fin de semana pasada, cunha visita a Fegalcat coincidindo coa convención do Partido Popular en Barcelona.


Ligazóns

4/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: