Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ONU ALERTA

Cara a unha crise alimentaria

Asegura que a crecente distribución comercial de sementes xeneticamente modificadas xera dependencia na agricultura, ademais de danar a biodiversidade.

Redacción - 10:45 22/11/2009
Unha nova crise nos prezos dos alimentos é cuestión de tempo, segundo a ONU

Unha nova crise nos prezos dos alimentos é cuestión de tempo, segundo a ONU

Unha nova crise de prezos de alimentos non é máis que cuestión de tempo. Así o subliña o responsábel de Dereito a Alimentación das Nacións Unidas (ONU), Olivier de Schutte, quen criticou aos líderes mundiais por non abordar o que considerou dous dos factores claves do mercado alimentario, logo de que os prezos se disparasen en 2008: a especulación e os bio-combustíbeis.

"Pode ser en abril de 2010 ou en abril de 2011, mais teremos unha nova crise de prezos dos alimentos porque as causas directas do seu incremento no 2008 seguen estando aí", dixo Schutter nunha entrevista da axencia Reuters. "Os prezos do petróleo están a incrementarse e seguen estando estreitamente vencellados ás cotizacións dos produtos agrícolas, polo que pronto teremos que falar de especulación", explica.

Os transxénicos, ameaza para a biodiversidade
Doutra banda, alertou de que o aumento da distribución comercial de sementes xeneticamente modificadas xera dependencia na agricultura e dana a biodiversidade. Destacou que a crecente distribución de transxénicos por parte dos Estados Unidos constitúe un obstáculo para o desenvolvemento dos sistemas tradicionais de produción agrícola e para as economías locais.

"Dez compañías transnacionais monopolizan o 67% do mercado global das sementes e son elas as que determinan as formas de produción e os cultivos no mundo", subliñou Schutter. Así, lamentou as afeccións que este feito terá sobre o ambiente: "a diversidade xenética desaparece aceleradamente, mentres que existe unha forte presión por parte das empresas por uniformizar as plantacións, ao distribuír só 150 especies diferentes", entre as que subliñou o trigo, o millo e o arroz.

"A erosión xenética provocada por estas prácticas", dixo, "eleva os niveis de vulnerabilidade dos pequenos produtores, do medio ambiente e da vida, ademais de constituír un obstáculo para combater a mudanza climática".


4.25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: