Acaba de rematar Cineuropa en Santiago e unha das películas que máis gustaron a este fachineiro foi Capitalismo: unha historia de amor de Michael Moore, un documental centrado na crise. Achéganos unha visión centrada no seu país, Estados Unidos, onde o capitalismo salvaxe substitúe a democracia.
Un asiste abraiado ás declaracións ante a cámara dun columnista do Wall Street Journal que di que está ben que a xente vote e tal, pero que el non cre moito da democracia: el cre no capitalismo. Outro informe suxire, simplemente, que os pobres non deberían votar. O panorama presentado é desolador, fábricas que despiden a todos os seus empregados, que lles fan un seguro de vida que cobran as empresas e non as súas familias, hipotecas salvaxes auspiciadas por Greenspan que provocan a perda das casas na que a familia viviu toda a súa vida, unha plutocracia manexando o Capitolio... e unha luz de esperanza coa elección de Obama froito dun clamor social. En EEUU cada día milleiros de persoas quedan sen traballo e sen casa, pero o capitalismo é presentado como o mundo da liberdade de oportunidades. Destaca na película a postura comprometida dalgúns representantes da Igrexa, por exemplo, o bispo dunha cidade industrial que se achega a un encerro de traballadores que ían ser despedidos para apoialos. Unha realidade que non resulta difícil comparar coa nosa. A película, imprescindible.
A.Q.