Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFRAESTRUTURAS PORTUARIAS

O goberno español cre que Ourense ten mar

Nunha resposta escrita a unha pregunta formulada polo BNG, o Ministerio de Presidencia sitúa o porto de Alcoa (San Cibrao) en Ourense.

Redacción - 11:30 23/11/2009
Detalle do dique norte de Alcoa, o de Morás, en Xove

Detalle do dique norte de Alcoa, o de Morás, en Xove


Unha "tomadura de pelo" e unha mostra máis xa non só do descoñecemento de Galiza senón de desleixo. Así cualificou o deputado do BNG, Francisco Jorquera, a resposta recibida polo goberno español a unha pregunta sobre a apertura ao tráfico comercial do dique norte do porto de Alcoa (San Cibrao). Na súa resposta, o Ministerio de Presidencia, ademais de negarse a poñer por escrito os compromisos previos acadados ao respecto, sitúa o devandito peirao en Ourense, única provincia galega que non ten costa.

Sen avances
O porto comercial de San Cibrao é unha concesión exclusiva de Alcoa até o 2023 e, ademais, está xestionado por Portos do Estado. Abrilo ao tráfico xeral pasa por que o goberno español cumpra co mandato do Congreso e inicie conversas coa multinacional do aluminio. Porén, a día de hoxe aínda non se avanzou nese camiño. Aínda máis: na súa resposta, o executivo español anticipa que non se implicará en negociacións para a apertura do porto até que a Xunta non asuma un papel semellante. Asemade, cre que é preciso previamente "valorar se a apertura do dique norte pode afectar negativamente aos postos de traballo directos e indirectos" xerados por Alcoa, así como os seus "dereitos lexítimos".

Pola súa parte, Jorquera lamentou o "pouco peso que ten a Mariña luguesa para o goberno español", ademais "de ignorar onde está situada no mapa". Especialmente crítico foi co ministro de Fomento, José Blanco, e do presidente de Portos, Fernando González Laxe, por "traizoar aos seus electores máis directos".


4.92/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: