Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Oriente Próximo

B'Tselem: "7.400 palestinos mortos e 10 mil casas derruídas en 20 anos"

A ONG israelí conmemorou este domingo o seu 20º aniversario. Por outra banda, GxP presentou o programa do Festival Solidario con Palestina.

Redacción - 11:30 23/11/2009
GxP organiza un festival este venres

GxP organiza un festival este venres

A ONG israelí B'Tselem, que conmemorou -"non celebramos, porque non hai nada que celebrar", dixeron- o 20º aniversario do seu nacemento, denunciou que durante este período de tempo as Forzas de Seguridade israelís mataron 7.398 palestinos -1.537, crianzas- e destruíron máis de 10 mil vivendas.

Nese mesmo período, os palestinos mataron 1.483 israelís, dos que 139 eran nenos entre 995 civís e 488 militares, segundo as cifras de B'Tselem -unha das maiores organizacións do Estado de Israel en defensa dos dereitos humanos- sobre as últimas dúas décadas do conflito.

A directora da ONG, Jessica Montell, considera que malia a dureza dos datos houbo algúns logros. Por exemplo, en 1989, milleiros de palestinos eran sistematicamente torturados durante as investigacións e, grazas ao traballo de organizacións como B'Tselem, "as torturas cesaron".

Ademais, nestes 20 anos o número de colonos xudeus nos Territorios Ocupados pasou de 69.800 a perto de 420 mil (300 mil en Cisxordania e case 120 mil en Xerusalén Oriental), un dos principais escollos para alcanzar un acordo de paz.


Festival solidario na Coruña

Por outra banda, a organización Galiza por Palestina (GxP) presentou esta fin de semana o programa do Festival de Solidariedade co Pobo Palestino, que se desenvolverá este venres Día Internacional de Solidariedade con Palestina, no Centro Cívico dos Mallos, na Coruña.

Os actos comezarán ás 18.00 horas coa inauguración dunha exposición do fotógrafo palestino Hindi Meshle. Posteriormente, ás 18.30 horas, haberá unha posta en escena de Pallasos en Rebeldía. Unha hora máis tarde, ofrecerase un refrixerio composto por té e pastas árabes.

Ás 20.30 horas, Laila Quintela (vicepresidenta de GxP) e Iván Prado (membro de Pallasos en Rebeldía) presentarán o documental Masi:Trashi q Trashi. Tamén está prevista unha conexión en directo co doutor Usama Said Aklouk, en Gaza. Por último, ás 22.00 horas haberá unha nova actuación de Pallasos en Rebeldía.


3.67/5 (3 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: