O Goberno revolucionario de Venezuela advertiu que as institucións financeiras que non cumpran as leis do país serán intervidas por parte do Estado, sempre cun irrestrito apego á lei e utilizando os orhanismos estatais axeitados. O venres foron intervidos catro bancos, entre eles o Banco Canarias, institución financeira fundada a pasada década por capitais canarios, que máis tarde sería vendida, e doutravolta, pasara o seu accionariado aos grupos económicos canarios de Venezuela.
O presidente venezuelano Hugo Chávez declarou que a intervención estatal de institucións financeiras se realizará através dos organismos axeitados e cumprindo coas lexislación da República Bolivariana de Venezuela.
"Banco privado que siga violando as leis nacionais será intervido", afirmou o presidente Hugo Chávez durante a instalación do I Congreso Extraordinario do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), realizado no teatro Teresa Carreño.
O presidente venezuelano afirmou que deu ordes para a intervención de catro entidades financeiras privadas através dos organismos correspondentes e cumprindo con todos os aspectos sinalados nas leis. Declarou que no caso están involucrados "uns ricos que empezan mercando un banco, outro e outro, facendo investimentos aquí, investimentos alá cando son interrogados polo Estado non son capaces de demostrar de onde saíron os recursos, e ademais violando a Lei de Bancos e outras leis nacionais".
O pasado 20 de novembro o Goberno Revolucionario Bolivariano anunciou a intervención dos bancos Canarias, Bolívar Banco, Banpro e Confederado. A decisión foi tomada debido a incumprimentos da lei, sinalou o ministro de Economía e Finanzas, Alí Rodríguez Araque.
Cómpre lembrar a historia do Banco Galicia de Venezuela. Fundado como banco de investimento (non atendía ao público) non puido conseguir a licenza para traballar como banco comercial, debido, segundo empresarios galegos vencellados ao accionariado, á pretensión económica (suborno) das autoridades encargadas de dar o permiso durante a presidencia interina de Ramón José Velásquez (5 de xuño de
O Banco Galicia de Venezuela foi vendido en extrañas circunstancias ao banqueiro estadounidense Allen Stanford, hoxe detido por estafa, por 12 millóns de euros, pasando a denominarse Stanford Bank de Venezuela. Allen Stanford declarouse culpábel en agosto dunha fraude por 4.670 millóns de euros e a filial en Venezuela, con varias axencias en Caracas, está pechada.
Nunca tanto gañaron os bancos, venezuelanos e estranxeiros, en Venezuela como agora. Como exemplo temos que dicir que durante os derradeiros anos o Banco Provincial, propriedade do BBVA, non parou de medrar en beneficios. Beneficios que engrosaron tamén as controvertidas contas do Banco Santander, despois de vender ao Estado venezuelano (non foi nacionalizado senón vendido a prezo de mercado) o Banco de Venezuela.
Na peor época económica do goberno de Chávez, en 2002, golpe de Estado e a folga da directiva da compañía estatal de petróleo, PDVSA, só os bancos e o sector das telecomunicacións obtiveron beneficios. En 2002 672 millóns de euros e en 2003 900 millóns de euros. Unha das razóns dos continuados e crecentes beneficios da banca privada en Venezuela están relacionados coas políticas económicas do Goberno revolucionario.
En xaneiro de 2003, despois da folga criminal da patronal e da dirección antichavista de PDVSA, o Goberno decretou un control na venda e cambio de divisas para evitar a fuga de capitais que determinados grupos económicos, entre eles o do ex propietario de Galería Preciados, o hispano-venezuelano Gustavo Cisneros, pretendían levar a cabo para dar un golpe de Estado financeiro e derrocar ao goberno de Hugo Chávez.
O primeiro intento foi o golpe de Estado, despois o lock-out de máis de 60 días por medio do corte do subministro de petróleo, gasolina e gas á poboación. Fracasados os dous anteriores a continuación viña unha inmensa “corrida” de divisas para desestabilizar a xa maltreita economía venezuelana. Cómpre lembrar que o único ingreso de divisas en Venezuela provén do Estado venezuelano, das súas vendas no exterior de petróleo, e non das exportacións dun feble, inexistente, sector exportador privado.
A gran cantidade de moeda nacional, bolívares, hoxe Bolívares Fuertes, no país que non marchou coa fuga de capitais engordou o pasivo dos bancos. Un ano despois do control cambiario, 2004, os depósitos en moeda nacional representaban un incremento do 100% con respecto ao ano anterior.
En 1997 había 127 bancos en Venezuela, hoxe 51. Os catro principais bancos do país, Banco Provincial (BBVA), Banco Mercantil, Banco Venezuela (estatal) e Banesco posúen o 60% do mercado nacional.