Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Promete "reflexión" sobre a proposta

Cautela de Feijoo sobre o guieiro do Consello da Cultura para o consenso lingüístico

O secretario xeral de Política Lingüística cualifica de "positivo" o documento. Mentres, o PSdeG achega á Cámara unha iniciativa baseada no texto.

Redacción - 11:45 27/11/2009

"A constitución dunha Comisiòn Parlamentaria que, oídas as institucións, colectivos e expertos que considere oportuno convocar, elabore unha proposta de desenvolvemento consensuado do Plan Xeral de Normalización Lingüística". É o resumo da proposta institucional que hai poucos días lle entregaba formalmente o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo.

Sobre o documento falou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen asegurou que será sometido "á reflexión" conxunta entre el, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, e o Consello da Cultura. Feijoo, que protagonizara este verán unha intervención non pouco polémica na sede do Consello coa súa apelación a unha normalización lingüística en liberdade e os seus reproches á presunta resistencia cívica no ámbito cultural, afirmou desta volta estar agradecido á institución pola súa "interese pola normalización cordial".

"É a primeira vez que o Consello da Cultura Galega presenta unha proposta desta iniciativa, polo que eu sei", dixo, "sei que as anteriores normativas non pasaban por el", comentou Feijoo en conferencia de prensa posterior ao Consello da Xunta. "De momento non o tratamos", dixo ao respecto do documento proposto. Doutra banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, considerou "positivo" e "cordial" o documento e avanzou que o seu departamento se pronunciará "axiña" sobre o seu contido.  

O PSdeG asume a proposta "integramente"
Doutra banda, o voceiro parlamentario en materia de Lingua do PSdeG, Francisco Cerviño, asegurou que os socialistas asumen "integramente" a proposta do Consello da Cultura Galega para detallar un calendario "consensuado" de aplicación do Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Cerviño considerou que a iniciativa da entidade que preside Ramón Villares constitúe "un bo marco para a recomposición do consenso" arredor do idioma, baseado na Lei de normalización lingüística e o Plan Xeral de Normalización. Así, sinalou que o galego "necesita de discriminación positiva" para alcanzar "á igualdade plena co castelán", ademais de "gañar aliados para a lingua, gañar hexemonía social e afondar no discurso e na idea da súa utilidade".


2.7/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: