Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
FEIRA CULTURAL

Último día para AchegArte á Coruña

Na súa estrea, a festa da cultura superou as previsións de asistencia, con máis de 20 mil visitantes que se interesaron polo amplo programa de actividades.

Redacción - 12:00 29/11/2009

Un éxito do mundo da cultura, e sen precisar o apoio da Xunta. Aínda non chegou a quenda do balance, que se fará ao remate desta feira das industrias culturais, AchegArte, mais a sentenza "mellor sen a Xunta" xa foi unha das máis escoitadas por parte dos protagonistas deste escaparate cultural. Superado o primeiro atranco da decisión gobernamental de non reeditar o Culturgal, o sector xa se felicita deste éxito que promete acadar cifras semellantes ás do ano pasado.

O Palexco e o Kiosco Alfonso, centros neurálxicos da produción artística, literaria, audiovisual ou teatral, foron este sábado un constante rebumbio de visitantes. Tal foi así, que a feira AchegArte superou as previsións que barallaba a organización para este primeiro día: máis de 20 mil persoas participaron na primeira xornada. Queda agora por diante un domingo que promete igual calidade cultural.

Velaquí os actos máis destacados para a xornada do domingo:

Música: Dende as 11 da mañá e até última hora da noite, os sons musicais encherán o escenario da feira. Haberá ocasión para escoitar a Intermission Percusion; Alvariza, Alberto Conde Trío; Bellón Maceiras; Magritte; Bonovo; Ophiusa; Roi Casal; Roberto Somoza e Sergio Delgado; Brandelia; Xabier Díaz; Ultragäns; ou o Trío vaamonde, Lamas & Romero.

Teatro: No eido teatral, poderemos gozar das montaxes de Katarsis; Teatro do Morcego; Baía Edicións; a Compañía Elefante Elegante ou o Grupo Chévere. Ademais, haberá ocasión para escoitar os máis orixinais contos da man de Caxoto e Pedro Brandariz ou Teresa Santamaría e Francisco Barreiro.


Danza: Para os amantes da danza, este domingo hai unha sesión infantil, que correrá a cargo de Teresa Babío Clown. Ademais, poderemos gozar do bo facer da Nova Galega de Danza ou da Compañía Cero, Cero, 54.

Audiovisuais
: No campo da montaxe audiovisual, podemos ver as obras de Víctor María Aparicio Abundancia; unha sesión de curtametraxes de animación; ou a presentación de proxectos en desenvolvemento de autores como Óliver Laxe, Marcos Nine, ou Ana Domínguez e Ángel Rueda.

Obradoiros: Outra das oportunidades que ofrece AchegArte é a de converternos a nós mesmos en artistas. Así poderemos facelo nun obradoiro de pintura, no de banda deseñada, nun de debuxo e ilustración, de disfraces ou mesmo un taller sobre "como construír unha peza teatral en cento dezanove minutos e medio".

Outras actividades: Neste domingo tamén haberá tempo para achegarse á Mesa de Traballo da Asociación Galega de Guionistas; outra da Coordinadora de Asociacións Profesionais do Audiovisual Galego. Coñeceremos o traballo de Implicadas no Desenvolvemento; achegarémonos aos proxectos para 2010 da Academia Galega do Audiovisual ou poderemos asistir á presentación de libros como "Racismo Lingüístico" ou "Da fala á lingua: un proceso inacabado".


4.5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un dos concertos deste domingo é o de o Trío Vaamonde, Lamas & Romero.
Un dos concertos deste domingo é o de o Trío Vaamonde, Lamas & Romero.
Inauguración de AchegArte
Inauguración de AchegArte
A chegada de visitantes está a ser continua
A chegada de visitantes está a ser continua