Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ÉXITO do evento

AchegArte supera todas as previsións

Máis de 38 mil persoas visitaron a feira cultural durante a fin de semana, unha cifra semellante á afluencia do Culturgal do ano pasado.

Redacción - 12:15 30/11/2009

AchegArte, a feira que esta fin de semana se converteu no meirande escaparate do noso tecido cultural, pechou a súa primeira edición cun dobre éxito. Dunha banda, o da afluencia de visitantes: máis de 38 mil persoas se achegaron a compartir o amplo programa de máis de cen actividades, nas que non faltaron a música, o teatro, a danza, os obradoiros, as montaxes audiovisuais ou as presentacións literarias.

Mais, á organización quédalle un segundo éxito moral: o de manter as exitosas estatísticas do desaparecido Culturgal. Logo de que a Xunta negase os cartos precisos para financiar o evento e logo de que a súa convocatoria fose posíbel grazas á entrega e ao traballo de numerosos axentes culturais, AchegArte demostrou que a nosa cultura lle acae ben o cualificativo de vizosa, máis alá de precisar o alento das subvencións gobernamentais.

Quenda do balance
No apartado estatístico, a Concellaría de Cultura da Coruña (impulsora deste evento coa colaboración da Deputación) cifrou exactamente en 38 mil as persoas que visitaron a feira nestes dous días no Palexco e no Kiosko Alfonso (a última edición do Culturgal xuntara a 35 mil visitantes). Ao tempo, estes datos hai que contrapoñelos co orzamento, dez veces menor que o que tivo o derradeiro Culturgal. Nesta edición o financiamento achegado pola Concellaría foi de 50 mil euros, aos que se sumaron 18 mil procedentes da Vicepresidencia da Deputación (ambas as dúas institucións gobernadas polo BNG).

Participaron 93 endidades de toda Galiza e contou con máis dun cento de actividades. A concelleira de Cultura, Xosé María Bravo, amosou a súa satisfacción pola elevada participación: "supera as expectativas fixadas nun primeiro momento", dixo ao tempo que subliñou que estes resultados "confirman a importancia de realizar esta feira nun momento de dificultade económica como o actual para impulsar o sector cultural", do que destacou que supón un factor económico fundamental e de creación de emprego.


4.74/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: