Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No final dun ano con dous procesos electorais

A quen lle acorda o voto exterior en urna?

O Consello de Comunidades Galegas no Exterior reivindica que se cumpran as promesas pendentes para os emigrantes: depuración do CERA e voto en urna.

Redacción - 18:30 30/11/2009


"A festa da democracia ten que ser a festividade de todos e depositar o voto, de xeito persoal, na urna de votación, é a expresión máxima dos nosos dereitos políticos". Achégao deste xeito un dos catro relatorios elaborados por expertos e membros dos centros galegos e que estarán a debate na xuntanza do IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas. Será na capital uruguaia, Montevideo, entre o 7 e o 8 de decembro.

  Ao acto asistirá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a quen os representantes dos colectivos presentes pretenden expoñerlle as súas principais reclamacións. Entre elas: que se deixe de cuestionar "de inmediato" a participación dos emigrantes nos procesos electorais, motivo polo cal subliñan que é imprescindíbel que se estabeleza o voto en urna. Do mesmo xeito, consideran urxente a "revisión e depuración" do Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA). "Só exerceremos libre e conscientemente o noso voto cando teñamos a seguridade do seu verdadeiro valor: un elector, un voto", recolle o texto, salientando a necesidade de transparencia no proceso electoral no exterior.

Á espera de que os próximos comicios recuperen o debate?
A nivel galego, non foi até finais de 2008 cando os tres grupos parlamentarios, PPdeG, PSdeG e BNG conseguiron un acordo de mínimos que fixo abrollar unha iniciativa da Cámara onde por unanimidade se lle solicitaba ao Congreso que instase a acelerar a reforma electoral necesaria. O obxectivo era garantir que nas eleccións de marzo de 2009 en Galiza o voto da emigración estivese libre de sospeitas.

Mais cando o asunto chegou a Madrid, o grupo do PSOE no Congreso cualificouno como "non prioritario", freando a proposta dunha reforma específica que permitise o voto en urna para o censo de residentes ausentes. Argumentaban desde o PSOE que o voto en urna no exterior formaría parte dunha reforma máis ampla da lexislación electoral. O asunto volve á actualidade posteriormente arredor das eleccións europeas, mais tamén sen éxito. Xa que logo, ao goberno español corresponderíalle tomara iniciativa para a modificación da Lei Orgánica do Réxime Electoral. A continuación, a dirección xeral de emigración do ministerio de Exteriores debería fornecer a consulados e embaixadas, ou incluso no seu caso ás sedes dos centros galegos no exterior, da infraestrutura técnica para a realización do voto, garantindo que a presencia de interventores e que se faga en urna.


4.38/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: