Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
SEGUNDO A ANALISTA EVA GOLINGER

"Para EUA o exemplo de Venezuela representa unha ameaza"

"A ameaza do bo exemplo da revolución bolivariana en Venezuela perturba a Estados Unidos no seu afán de recuperar influencia en Latinoamérica", declarou onte en Moscova a avogada e analista venezuelano-estadounidense Eva Golinger.

Xurxo Martínez Crespo - 18:23 04/12/2009

A nova da axencia estatal cubana Prensa Latina, datada este xoves en Moscova, destaca que ao describer as estratexias da Casa Branca no hemisferio sul e en particular en Venezuela, Golinger considerou que Estados Unidos analiza un conxunto de perigos para os seus intereses na área.

Para Noam Chomsky, Venezuela, cun modelo desafiante e exitoso, constitúe unha ameaza do bo exemplo para a política da Casa Branca, subliñou Eva Golinger.

Venezuela constrúe unha sociedade socialista, onde a prioridade é o pobo  e o aspecto social, a garantía das necesidades do pobo, e unha transferencia a este último do poder, destacou.

Iso está relacionado coa prioridade de Caracas na súa exportación petroleira: primeiro a actividade nacional, logo o Caribe, os países amigos latinoamericanos e só despois Estados Unidos, sinalou Golinger en conferencia na Universidade de Amizade cos Pobos Patricio Lumumba de Moscova.

Doutra banda, a suposta ameaza que defende Washington está dada pola actual política exterior venezuelana que, a diferenza da seguida por anteriores gobernos, baséase na cooperación e a solidariedade, sobre todo, dentro da Alianza Bolivariana para os Pobos de Nosa América (ALBA), apontou a analista na charla.

Ademais, esa política soborda os marcos da rexión e inflúe noutras zonas do mundo, onde procura colaboración con Estados como Rusia ou Irán, comentou.

Ante esa realidade, Washington desenvolve unha forte campaña para silenciar os programas sociais en Venezuela e promove unha imaxe negativa do presidente Hugo Chávez, coa colaboración precisa de todos os medios do mundo que defende unha situación inxusta coma a que viña soportando 3/4 partes do planeta, denunciou.

Existen programas da comunidade de intelixencia estadounidense para captar á mocidade co fin de desestabilizar aos países, como aconteceu no seu momento coas chamadas revolucións das cores nas repúblicas ex soviéticas (Ucraína), advertiu.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: