Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Número cero da revista 'Estega'

'Que facemos coa lingua?'

O sindicato STEG analiza a cuestión nun monográfico que conta coa colaboración de Sechu Sende, Valentina Formoso, Nel Vidal e Valentim R. Fagim, entre outros.

Redacción - 10:00 20/12/2009
Imaxe tirada da revista

Imaxe tirada da revista

O sindicato STEG acaba de publicar o número cero da revista Estega: escola pública galega / información e debate, que nesta primeira edición aborda a cuestión do galego no ensino: o monográfico leva por título Que facemos coa lingua?.

A situación actual do idioma e a normalización lingüística, son os temas principais que tratan os diversos colaboradores. Neste caso, Sechu Sende, Valentina Formoso, Nel Vidal, Emilio Insua, Miguel Louzao, Valentim R. Fagim, Ana Mª Pérez Rico, Pablo Gamallo, Carlos Negro, así como representantes dos colexios Emilia Pardo Bazán, da Coruña, e Cruceiro de Canido, de Ferrol.

“Decálogo d@ profe de língua”, “A oralidade transmítese no berce da emoción”, “Cambiagalicia, unha idea para cambiar un país”, “Ser língua nom é fácil” ou “O mito erótico de Galicia Bilingüe e do galeguismo, a Finlândia” son os títulos dalgúns dos contidos deste monográfico do que se editaron catro mil exemplares ás portas da presentación dun novo decreto.

Precisamente, segundo aseguran desde o sindicato STEG, remitíuselles tamén ao conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, e ao secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, cadanseu volume deste especial Que facemos coa lingua?.

Reflexión e debate pausado”
O obxectivo da revista é o da “reflexión e debate pausado e pensado”, segundo apuntan no seu editorial. “Un plus de obra colectiva con nome e apelidos, en tempos de comentarios persoais que aproveitan o anonimato para insultar ou desvariar, de reflexión en tempos nos que prima dar a opinión máis repentista, arroutada e irreflexiva”, apuntan.

Ademais, pretenden “tratar temas desde ópticas educativas e profesionais, non desde ópticas xornalísticas, políticas, económicas ou sociais, exclusivamente; invadidos como estamos polo discurso educativo que nos chega desde fóra deste ámbito”.

Na redacción de Estega -que non oculta que “edita un sindicato”, mais que “lonxe de ser negativo, ten o valor de representar unha obra colectiva, feita por unha parte do profesorado galego, directamente”- participan Pepe Cabido, Sonia F. Casal, Alfredo Iglesias, Francisco Legaspi e Gelo P. Portomeñe. Serxio Suárez Bandín encárgase do proxecto gráfico e da maquetación.


4,55/5 (11 votos)


Comentarios (4)

caloiro #1 20/Decembro/2009 caloiro
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Sorprendido... pero sorprendido gratamente cos contidos da revista nunha cuestión como a da lingua tan dada a proclamas sombrías, palabras de orde e cuestións máis ideolóxicas ca pedagóxicas. Tamén a maquetación e a infografía me parecen atractivas e frescas. Noraboa á STEG por esta ferramenta, creo que valiosa e necesaria, para abordar a lingua nos centros escolares.

Cuevillas #2 20/Decembro/2009 Cuevillas
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Noraboa polo artigo, pero bótanse en falta propostas máis concretas. Donde fala de inxenio e orixinalidade, tiña que ter a compaña de polo menos 3 ou 4 propostas con a orixinalidade profesada.
Unha proposta sería facer publicidade. Cos cartos que recade a Mesa ou outras asociacións. Feiras de libros en galego, chegando a un acordo cos concellos para poder montar os chiringuitos.
En cada festa ou festival de folk ou tradicional, boto en falta puntos de información da Mesa ou AGAL. Ten que haber moitos máis.
E logo non estaría mal ter un advogado como teñen os internautas para sairen na TV contra a SGAE. Alguén que domine a prosodia e poda dar leña nos faladoiros televisivos.
Cando non hai "armamento" nen medios, hai que combater con medios guerrilleiros.
Eu agardo aínda un bo zapatazo no parlamento dalguén do bloque. Para que saia na TVE ou en Antena 3. a mala publicidade na prensa mesetaria é boísima pra nós.

ronpaulo #3 20/Decembro/2009 ronpaulo
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

cuevillas ti sim que sabes

arzaya #4 21/Decembro/2009 arzaya
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Moi interesante o artigo de Finlandia, pero o autor esquece, é é dato importante, que sueco e finlandés teñen igualdade xurídica, galego e castelán non. Para xogar á elección das linguas hai que ter unhas normas ecuánimes e xustas, senón o xogo está trucado desde o principio. Queria saber se en toda Finlandia se recibe a TV sueca en aberto, tamén. Por outro lado o autor esquece os factos linguisticos: sueco e finlandés difiren moito, galego e español pouco. Baleares e Valencia son os casos máis próximos, ou na Francia, no que as linguas só teñe uso privado (por tanto, non é o mesmo)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: