Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FÚTBOL

O número de xogadores que queren formar parte da Irmandiña supera todas as previsións

A organización ultima os detalles do encontro que se disputará o vindeiro sábado entre a selección nacional e un combinado de xogadores estranxeiros.

Redacción - 18:12 21/12/2009
Esta semana confirmaranse as aliñacións, que puideran ser mixtas

Esta semana confirmaranse as aliñacións, que puideran ser mixtas

Sen apoio institucional, mais con moito ánimo e ambición, o colectivo Siareir@s Galegos apura estes días a organización do encontro que na fin de semana enfrontará á Irmandiña cun combinado de xogadores estranxeiros. Pouco a pouco vanse pechando todos os detalles, mais a confirmación de cada unha das aliñacións aínda terá que agardar para os vindeiros días. Con todo, podemos adiantar que foron moitos os xogadores, tanto da Segunda B como da Terceira División, que se ofreceron a tomar parte no partido. Tal foi así, que a organización está agora equilibrando os equipos e dándolle forma ao combinado nacional.

Con respecto aos adestradores, todo apunta a que Fernando Vázquez será o encargado de dirixir á Irmandiña, mais estará acompañado doutras figuras do deporte galego. O de Castrofeito amosou toda a súa dispoñibilidade, logo dos seus infrutuosos intentos persoais de organizar un partido como os dos dous últimos anos. Ademais, tamén participarán na dirección do equipo outras figuras como Pilar Neira, quen adestrara ao equipo feminino en edicións anteriores. Outro dos nomes que se baralla para o banco, probabelmente do equipo contrario, é o do ex-xogador do Compostela, Fabiano.

Outra das novidades que puidera levar canda si o encontro deste ano, que se disputará o vindeiro sábado 26 de decembro no campo de fútbol de Santa Isabel (Santiago de Compostela), é o da conformación de equipos mixtos. Nos dous anos anteriores, nos que a Irmandiña contou co apoio económico da Xunta de Galiza, xogáranse dous partidos, un do combinado masculino e outro do feminino. O feito de que nesta edición non se conte con ningún tipo de apoio institucional, sumado ao grande interese que espertou esta iniciativa entre as deportistas e os deportistas galegos, fará posíbel que homes e mulleres salten xuntos ao campo de xogo.

Festa e reivindicación
Ademais do estritamente deportivo, o colectivo Seareir@s Galegos organiza tamén este ano outros eventos que acompañarán o día de festa e de reivindicación. A xornada comezará ás 12 horas do mediodía, cando se celebre o II Aberto da Billarda Auténtica no campo de fútbol do parque de Belvís. Xa ás cinco da tarde, unha manifestación partirá da Alameda de Santiago para concluír no campo de Santa Isabel, logo de percorrer as rúas compostelás. Nesta marcha exixirase o dereito de Galiza a ter seleccións e competir a nivel internacional.

Xa despois do partido, un concerto porá fin á xornada. Contará coas actuacións de: Machina, Mencer Vermelho e Habeas Corpus. As entradas xa están á venda a un prezo de oito euros.


Ligazóns

4.98/5 (50 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: