Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Á luz nos próximos días

O "consenso" do PP para a "cordialidade" lingüística chegará coas aulas pechadas

"Igual que a letra con sangue non entra, o galego con imposición tampouco". Feijoo promete un decreto "baseado na liberdade e o multilingüismo".

    Redacción - 17:45 22/12/2009

    Se non muda a estratexia da Xunta, durante estas vacacións de Nadal sairá do forno administrativo o borrador da proposta do actual executivo para o decreto sobre o galego no ensino. O propio presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, confirmou a decisión este martes no Parlamento en resposta á interpelación do grupo do BNG. Comeza así un proceso co que a Xunta espera que ese novo decreto entre en vigor xa o próximo curso. Subliñou Núñez Feijoo que o documento atenderá ao mandato legal do Estatuto e da Lei de Normalización "e tamén o mandato das urnas". Un decreto para recuperar o que o presidente definiu como "cordialidade lingüística" e que se baseará, segundo a explicación de Feijoo, en tres piares: "A liberdade, os dereitos lingüísticos dos alumnos e dos pais e o multilingüismo".

    "Rexeiten Galiza"
    Unha liberdade que á luz da posición do presidente da Xunta pasa por exemplo pola renuncia á utilización da expresión "Galiza" para referirse ao país. Así de paradoxal transcorreu o debate na Cámara este martes, onde Núñez Feijoo, e malia o recoñecemento que a Real Academia Galega fai da forma Galiza, instou o grupo do BNG a "poñerse de acordo co nome do país". "Admitan ao conxunto da cidadanía que nos chamamos Galicia", pediu o presidente, "rexeiten Galiza", insistiu. De paso, asegurou o líder do PPdeG que o goberno que lidera consultar o borrador "tanto coa Real Academia Galega como co Consello da Cultura Galega". "Algo que non se fixo co decreto anterior", dixo Feijoo.

    Doutra banda, defendeu Feijoo que o seu equipo "xa introduciu 60 medidas de promoción" en materia de lingua, e teimou en que as políticas neste ámbito responden ao mandato estatutario, a lei de normalización "e ao contrato electoral cos galegos". Nese sentido, criticou as mobilizacións a prol da lingua, en concreto a marcha do pasado 18 de marzo, cita que cualificou de "manifestación preventiva" acusándoa de ser promovida polo BNG. "Vostedes alentaron unha manifestación en contra dun goberno e dun presidente que aínda non tomara posesión e vostedes volveron facer unha manifestación en contra dun goberno e dun presidente democrático antes de ditar ningunha disposición democrática", afirmou.

    Así, subliñou Alberto Núñez Feijoo que o próximo decreto responderá ás demandas da "manifestación masiva, democrática e silenciosa das urnas" en referencia ás eleccións do pasado 1 de marzo. "Os galegos nesa manifestación masiva, democrática e silenciosa pediron un novo decreto e rexeitaron o decreto nacionalista admitido polo Partido Socialista", opinou. "Vostedes modificaron o estatus que atoparon cando chegaron ao Goberno", reprochou, comentando que a frase "a letra con sangue entra non é verdade e o galego coa imposición tampouco entra". "Galicia non lle ten que pedir permiso ao BNG para falar en galego e Galicia non lle ten que pedir permiso ao BNG para falar en castelán", engadiu.


    2,42/5 (12 votos)


    Sen comentarios

    Novo comentario

    É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

    Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: