Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTO

Pendellos da Agolada, cando a novidade non significa progreso

Denuncian que a reforma do recinto feiral medieval substitúe o chan de lousa por “pedra artificiosa”.

Redacción - 11:28 24/12/2009

Os Pendellos da Agolada son unhas das construcións históricas máis relevantes da comarca do Deza. O recinto feiral medieval conserva todo o encanto secular. Mais a polémica chegou nas últimas semana. Nos traballos de rehabilitación do espazo decidiron substituír a lousa centenaria do chan por pedra “artificiosa”. Publicamos aquí o manifesto

O CHAN DOS PENDELLOS DE AGOLADA

Non hai dúbida de que o progreso debe ir coa dignidade das persoas. Non toda novidade ou velocidade ten porque ser progreso.Non vale calquera cousa. Pero si hai alternativas que nos poñen nos camiños da vida e das tradicións ( que sempre son modernas) como é debido. A cousa venlles por mor de exercer defensa dunha das obras máis significativas – auténticas- do xeu xénero en Galicia. Falamos dos PENDELLOS DE AGOLADA.

    Moitas veces nos xuntamos, convocados polos afectos na determinación clara de quen somos, ao redor desas pedras vellas ( vivas) perfectamente dispostas para que os nosos encontros fosen perfectos. Eran así, unhas pedras vellas ( vivas), coa color do tempo que prateaba as súas formas, as súas disposicións graníticas que soamenete podían reflectir a esencia singular destas terras de Agolada. Eran si, unhas pedras vellas ( vivas) e conformaban o ambiente atinado e idóneo para nos xuntar celebrando vida. Esa vida que se argumenta e reconforta do pasado e dos devanceiros, que mira o futuro coa esperanza garantida nos alicerces desta terra que pisamos postos en pé, da mesma terra e das pedras que nos abrigan, que recollen e protexen os nosos alentos, os nosos sorrisos, os nosos ditos, as cantigas e os contos, os poemas e relatos, que polos tempos a ir fomos tecendo primorosamente. Foi ( dicimos xa en ido) un lugar entrañable e irrepetible…, pois coidalo non souberon e tampouco arestora saben que os elementos máxicos que nos arrodean están vivos…pero desánganse. Hoxe deitan sangue os PENDELLOS DE AGOLADA e con eles sangan os corazóns de moitas e moitos, ( ai Pintor… o de Quián, quen te verá meu ben de acendido !). E dicimos de moitas e de moitos que no seu día e para sempre, memoria viva, acudimos á cita nese lugar acariñado.E así tamén nós sangamos de mágoas e carraxe ao notar e ver a falta de amor sensible que algúns amosan e, sen máis miras, arrasan este lugar que temos ao noso sol nos PENDELLOS DE AGOLADA. Pasan coa máquina da modernidade e a lugar das lousas de sempre naquel chan dos Pendellos e arredores van e colocan pedra cortada artificiosa, mesmo de cores rechamantes e formas modernistas que se copian de catálogos neutros con formas que nos son alleas totalmente. Lousas por outra cousa.

    Tristemente, o reflectir certo do que pretenden é agochar, que non se vexa a nosa auténtica presenza na vida e na  historia construída ( en futuro) na verdade de existencia e identidade. Dan a ver que o noso aborrece. Iso que tanto nos namora e nos enche.Unha mágoa de dolor inmedible…! Temos que saber claramente – e non vale poñerse tristes e si dar a cara- que os peores traidores son aqueles que un día foron escravos e serven cegos a intereses bastardos. Todos saben moi ben, directores e dirixidos, onde han dar para que máis doia…!  Días han vir sen dúbida para celebrar o triunfo da verdade para restituír e valorar o que posuímos e puidemos ter. Virán días de ando de noso e consonte ao que este pobo noso, o do galego, foi construíndo entre logros de esforzos e non faltos de sufrimentos.

    Quen hoxe fan este mal nos PENDELLOS DE AGOLADA quizabes non o entendan nunca e non deixa de ser triste porque puidieron aprendelo e sentirse ben con eles mesmos. Tamén cos elementos que nos conforman auténticamente vivos. Días virán…sabemos…para pararlle os pés a tanto desatino.

Representa aos asinantes: David Otero,

Asinantes:
Marica Campo,
Helena Villar
Fina Casalderrey
Esperanza Bouzas
Concha Rodríguez
Carmiña Soutomaior
Carme Varela
Aurichu Pereiras
A.C. Xermolos de Guitiriz
Alfonso Blanco Torrado
Xosé Manuel Beiras
Gonzalo Constenla
Mini e Mero
Luís Couto
Avelino Pousa
Xoán X Fernández Abella
Carlos Callón
Xesús Rábade
Xosé Estevez
Raul  Galego “ o Gaiteiro Nubeiro”
Paio de Lalín
Paco Lareo
Isidro Novo
Xabier P. Docampo
Xosé Lois García
Cipriano Jimenez
Xosé Luna
Lois Ferradás
Carlos Negro
Celso Sanmartín.
Miro Villar
Paco Martín
Xosé Valle Díaz
Heitor Picallo
Mirocasabella
Angel L Utrera
Rosa Adellis
José Gómez
Anxo Angueira
Serafín Escariz
Valentín Arias
Ramón Caride Ogando


4.65/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: