Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Feijoo presenta o novo decreto lingüístico

Axenda até fin de ano: ofrenda ao apóstolo, xantar co arcebispo e pau á lingua

Non será até pasadas as 19 horas cando compareza o presidente dando conta dun Consello que muda localización evitando a protesta convocada diante do Pazo de Raxoi.

Redacción - 10:45 30/12/2009

Inédita convocatoria do equipo de goberno liderado por Alberto Núñez Feijoo para este mércores. Na véspera do San Silvestre, o presidente da Xunta iniciara a súa actividade pública contra o mediodía, achegándose no coche oficial deica a Praza do Obradoiro para asistir na catedral compostelá como delegado rexio no "acto de Ofrenda Nacional ao Apóstolo Santiago con motivo do acto de Translación dos restos". Así figura na axenda oficial comunicada polo executivo, indicando que a continuación, Núñez Feijoo asinará no Libro de Honra da cidade, no salón Nobre do Concello de Santiago. Posteriormente, o presidente acode ao Seminario Maior, onde o arcebispo de Compostela ofrece un xantar na súa honra.

Deste xeito, non será até as 17 horas cando Alberto Núñez Feijoo se reúna co seu equipo na xuntanza semanal do Consello da Xunta. Así, e logo do Consello de Goberno, fixouse para as 19 horas a comparecencia do presidente diante dos medios para dar conta dos asuntos tratados. Xustamente, o asunto estrela para este mércores é o decreto sobre a lingua no ensino, documento para "a recuperación da cordialidade lingüística", en palabras de Feijoo. As filtracións aparecidas en diversos medios nos últimos días apuntan a que, cando menos na etapa de Infantil, serán os pais a través dunha votación os que decidan a lingua que se use na aula. Á propia polémica xerada polo aprazamento da saída á luz deste texto a un período vacacional, únese tamén a espantada que o Consello de Goberno protagonizará, cancelando a xuntanza no Pazo de Raxoi e inaugurando a nova sala do Consello en San Caetano, e evitando así a concentración protesta diante do pazo convocada pola plataforma Queremos Galego.

Ao fío, recordámoslles que Queremos Galego organiza mobilizacións en todo o país. Ao tempo, lembrámoslles que a CIG mantén a intención de convocar unha folga no ensino á volta das vacacións escolares, que con probabilidade tería lugar o próximo 21 de xaneiro. Do mesmo xeito, a rede Mocidade pola Lingua, convocante da folga no ensino medio do pasado 14 de maio, fai para o mesmo día un chamamento á folga en todos os centros de Secundaria e Bacharelato do país.


4.4/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: