Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rusia

Fracasa o proxecto do alcalde de Moscova dun inverno sen neve

Yury Lushkov pretendía evitar que as nubes descargasen sobre a cidade espallando sobre elas ioduro de prata.

Redacción - 11:38 03/01/2010

O alcalde de Moscova, Yury Lushkov, decidiu que xa abondaba coa neve no inverno da capital rusa, así que aprobou medidas para evitar que este ano nevase. Para conseguilo, puxo en práctica un plan que xa se aplicaba durante as festas principais: contratar avións para que aplicasen ioduro de prata nas nubes, que así descargarían a chuvia antes de chegaren a Moscova.

Luzhkov xustificou a medida como un xeito de combater a crise financeira, pois así aforraría varios millóns de euros nos cinco mil camións e 50 mil persoas que traballan cada inverno retirando a neve das rús moscovitas.

Porén, este inverno Moscova está, igualmente, cuberta de neve. O experimento, que tiña previsto comezar en novembro, fracasou por varias razóns. Segundo explicou o presidente do servizo de Hidrometeoroloxía ruso, debeuse, por unha banda, á construción de novos rañaceos, que interferiron no funcionamento dos radares meteorolóxicos. Ese problema, anunciou, resolverase o próximo inverno. O outro problema foi humano: a ineficacia das predicións.

Para poder deter as nevaradas, os pilotos dos avións tiñan que contar con previsións de dúas semanas de antelación, algo imposíbel para a meteoroloxía actual. Mentres seguen as promesas de que o plan se acabará cumprindo, Moscova segue cuberta de neve, como todos os anos, cos habituais problemas de tráfico.


4.8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: