A partir do 24 de xaneiro o estatal Fondo de Garantía de Depósitos (Fogade), comezará a pagar aos depositantes dos bancos intervidos polo Estado venezuelano. Os clientes residentes no estranxeiro dos bancos liquidados, ademais do Banco Canarias e Banpro, deben viaxar a Venezuela para solicitar persoalmente o reintegro das cantidades que posuían nos bancos. Cómpre lembrar que moitos galegos e canarios residentes na Galiza e nas Canarias eran clientes destes bancos.
Se o cliente ten algún impedimento para achegarse a Venezuela, debe facer a notificación ante o Banco de Venezuela para outorgarlle un poder a algún representante, persoa que estará autorizada para realizar o respectivo trámite de solicitude de aforros.
A partires do 15 de xaneiro, Fogade emitirá un comunicado no que explicará o procedemento para o pagamento de garantías dos clientes que posúan outros instrumentos financeiros, coma o prazo fixo ou calquera tipo de investimentos que teñan persoas naturais ou simplesmente os aforros das persoas xurídicas.
Este mércores o Bicentenario Banco Universal, anunciou, através dun comunicado, que os talóns, tarxetas de debito, crédito e demais instrumentos financeiros, asociados aos bancos que hoxe integran Bicentenario Banco Universal, teñen a validez e o respaldo que lle confire o Estado venezuelano; polo tanto, deben ser aceptados en comercios, estabelecementos e institucións bancarias, que conformen o sistema financeiro de Venezuela.
Os bancos que hoxe forman parte do Bicentenario Banco Universal, son: Banfoandes, Bolívar Banco, Central Banco Universal e Banco Confederado.