Último disque disque: xa está quentando motores unha destemida organización, creadora de opinión e mobilizadora de vontades, para as próximas eleccións. Son os de “Galicia pro Edén”, tomade nota.
“Galicia pro Edén”, conta co respaldo de dous telepredicadores de tendencia filo-mormoa new age afincados no Barbanza. Defenden a tese do rigor verídico-histórico-fáctico, calcadiño, do relato da creación da Xénese (dos dous relatos, aínda que se contradigan), con serpe incluída, situando a condena de calquera versión evolucionista ou similar no centro da súa axenda. Explican –é un dicir- que están a favor da supresión no currículo formativo de calquera insinuación ás que denominan “veleidades darwinistas”. Con tesón e o apoio dun xornal de gran tirada comarcal, o “Curota’s Paradise”, contan con preto de 50.000 afervoados seguidores, e están conseguindo ser de gran influencia política nos concellos da bisbarra. Calcúlase que, de feito, dadas as estreitas maiorías en certas corporacións, decidirán en varias delas se a cousa se decanta por un bipartito ou un goberno do PP e, ademais, co pano de fondo da Deputación en xogo. Organizan macrofestas de disfraces –moi populares pois seica a xente vai disfrazada de xénesedousvintecinco en versión predicador ou “talcal” (foto non publicada hoxe aquí)-. Puxeron un bus rotulado “liberdade para Adán e Eva, non a ditadura científica”, recollen adhesións e hai quen asegura que xa foron recibidos por alguén da Consellería de Educación.
E a estratexia que seguen é, nesta altura da lexislatura, tan pouco orixinal como eficaz. Mensaxe clara aos partidos: votarán a quen inclúa no seu programa electoral o seu “manifesto de mínimos”. Nel esixen o respecto á liberdade dos pais a elixir os contidos da educación dos seus fillos e o desdobramento das aulas en itinerarios para as ciencias naturais: o “edenístico” e o que chaman “simiesco” ou “zoofílico”.
Parece ser que, tras a entrevista co representante da Consellería, avalada por 35.623,5 sinaturas (o decimal, explicaron, corresponde a unha muller preñada), conseguiron unha promesa en firme: organizarase unha consulta aos pais en toda Galicia co rigor acostumado e, en función dos resultados, elaborarase un decreto no que se introduza o “dereito de elección” dos pais, sen desbotar que, como camiño do medio e saída por fandango repenicado, se opte por dar unha terceira elección: que as naturais se impartan en esperanto, que total, mentres haxa TDT, pouco máis ten.