Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Membro do Consello Asesor do Igadi

Fernando Pérez-Barreiro, un home que miraba o mundo desde aquí

O intelectual galego, colaborador entre outros de Vieiros, morreu o pasado luns 4 de xaneiro na localidade inglesa de Lancaster, onde residía.

Igadi - 12:35 11/01/2010

O membro do Consello Asesor do IGADI, Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931), faleceu o pasado luns 4 de xaneiro de 2010, na localidade inglesa de Lancaster, onde residía, vítima dunha repentina pulmonía. Con el desaparece un referente de valor incalculable para a intelectualidade galega.

Posuidor dunha ampla traxectoria cultural, especialmente no eido da tradución, así como de carácter profesional na BBC e en diversos organismos internacionais, a Fernando Pérez-Barreiro Nolla foille concedida unha Medalla Castelao 2009, un recoñecemento que premia a obra humana, artística, cultural ou científica. B.A First Class Honour en Lingua e Literatura chinesa pola Universidade de Westminster, estudou na Universidade do Pobo Chinés de Beijing. En 2005 foi galardoado co Pedrón de Honra polo seu labor en pro da cultura galega dende o exterior.

Licenciado en Dereito pola USC e membro correspondente da Real Academia Galega, Pérez Barreiro foi autor da primeira tradución ao galego das obras de William Shakespeare, así como pioneiro nas traducións directas do idioma chinés ao galego. O seu notable aporte ao eido da tradución valeulle numerosas distincións, entre elas, un Premio Nacional e o Premio Plácido Castro. Durante varios anos foi realizador, redactor e locutor dos Servizos Exteriores da BBC e, posteriormente, xefe dos Servizos de Tradución da Organización Mundial do Café en Londres ata 1993.

Colaborador en temas de política internacional, cultura e política galega para medios de comunicación como A Nosa Terra, Tempos Novos, Grial e Tempo exterior, Pérez-Barreiro exerceu igualmente como membro activo do Consello Asesor do IGADI, desenvolvendo unha relevante visión sobre o carácter da acción exterior de Galicia e o papel da súa diáspora.

O Igadi, con quen durante anos Fernando Pérez-Barreiro compartiu a súa sabia experiencia profesional e humana, expresa o seu sentido pesar pola desaparición deste senlleiro referente da cultura galega no exterior.  


Ligazóns

4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: