Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO DATOS DE FOMENTO

Os tres aeroportos, lonxe de seren rendíbeis

Lavacolla, Alvedro e Peinador perderon un total de 21,48 millóns de euros en 2009 e a previsión apunta a máis perdas neste 2010.

Redacción - 17:35 12/01/2010
O novo modelo de Blanco propón a descentralización da xestión naqueles aeroportos que teñan un alto volume de pasaxeiros e unha elevada complexidade

O novo modelo de Blanco propón a descentralización da xestión naqueles aeroportos que teñan un alto volume de pasaxeiros e unha elevada complexidade

Lonxe de ser rendíbeis, os tres aeroportos do país continúan a sumar balances negativos ano tras ano. No 2009, Lavacolla, Alvedro e Peinador perderon un total de 21,48 millóns de euros, segundo os datos provisionais presentados este martes polo ministro de Fomento, Xosé Blanco. Ademais, este documento inclúe a previsión para o 2010 que acaba de comezar e cifra o resultado económico en 19,43 millóns negativos.

Lavacolla, o máis improdutivo
Tamén segundo este informe, os perores resultados son para o aeroporto de Santiago, Lavacolla, que acumulou no último exercicio perdas operativas de 10,23 millóns de euros. Mentres, o de Vigo, Peinador, obtivo un resultado de 6,86 millóns negativos; e o da Coruña, Alvedro, de 4,39 millóns.

No referente ás previsións de 2010, as instalacións de Compostela terán perdas operativas de 9,55 millóns de euros; o aeroporto da Coruña, de 5,71 millóns; e o de Vigo, de 4,17 millóns.

Xestión galega
Pola súa parte, o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, advertiu de que a reforma do sistema aeroportuario presentada polo Ministerio de Fomento "ten como principal obxectivo facilitar a privatización de Aena e non garante que Galiza participe na xestión dos seus aeroportos".

O deputado nacionalista asegurou que a descentralización da xestión a través das sociedades filiais da futura Aena Eroportos S.A na que participen tamén as comunidades autónomas, cámaras de comercio e concellos "só se fará, tal e como di claramente o texto da reforma presentada, naqueles aeroportos que teñan un alto volume de pasaxeiros e unha elevada complexidade na xestión do tráfico aéreo". Así, advertiu que "na práctica, a descentralización só se realizaría en Baraxas e o aeroporto de Barcelona, mentres que o resto quedarían excluídos".

Jorquera alertou de que "Galiza non pode ficar excluída de poder participar na necesaria planificación e xestión dos seus aeroportos, quedando relegada a asistir a un Comité de Rutas e Comité Aeroportuario, uns órganos que só emiten opinións e non permiten participación real na xestión".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: