Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
DECLARACIÓNS DA ALTA XERARQUÍA CATÓLICA EN VENEZUELA

"O proxecto de socialismo do século XXI, dista moito do que o pobo venezuelano aspira e reclama "

A Conferencia Episcopal Venezolana emitiu unha pastoral con motivo do bicentenario da independencia de Venezuela do xugo español no que abertamente enfronta o proceso revolucionario que dirixe o presidente Hugo Chávez.

Xurxo Martínez Crespo - 10:43 13/01/2010

A Asemblea plenaria do Episcopado venezuelano comunicou aos media unha carta pastoral con reflexións e orientacións a propósito das próximas celebracións, bicentenarias, do 19 de abril e o 5 de xullo, nas que Venezuela saiu do dominio imperial español. A pastoral foi lida por monseñor Baltasar Porras a propósito da Declaración de Independencia da República.

A Conferencia Episcopal Venezolana sinalou que é un mal da nación, nun e noutro período, que millóns de venezuelanos continuen, aínda hoxe, "mergullados en condicións materiais, institucionais e morais indignas da súa condición humana, e permaneza frustrado o propósito de construír unha República, para todos na riqueza da súa diversidade e liberdade".

A Conferencia Episcoal subliña que a xente sobrevive e traballa "no medio de grandes dificultades e temores", e a dilapidación, a corrupción e a ineficiencia "acaban cos recursos que deben converterse en vida e non en confrontacións, incertezas e desesperanza".

"O pobo experimenta grandes privacións no medio da abundancia de recursos petroleiros, porque carecen de oportunidades de emprego estábel para unha vida digna que se debe a un devir republicano", di o episcopado no texto.

A xerarquía eclesiástica sinala que as elites de antes e de agora non lograron que o pobo  sexa suxeito capacitado e autónomo. E "o proxecto de socialismo do século XXI, pregoado agora, dista moito do que o pobo venezuelano aspira e reclama".

Aclaran que aos pastores da Igrexa non corresponden determinadas accións "que son proprias de quen foron elixidos para exercer, con gravísima responsabilidade, o servizo do ben común", pero aclara que si é deber da Igrexa "convidar, desde o Evanxeo de Xesús, á acción humanizadora de transformar o poder en servizo e os bens da terra en medios de vida e oportunidades para todos, en vez de converter a uns e outros en instrumentos de loitas de clase, discriminación, odio, opresión e idolatría".

CEV e Proceso revolucionario unha imposíbel convivencia

O enfrontamento da alta xerarquía católica co proceso bolivariano non é algo novo. A Igrexa está dividida en Venezuela, entre membros que apoian o proceso revolucionario coma os Franciscanos ou os Xesuitas ( principalmente os que non están na Universidad Católica Andrés Bello) e o clero de base.

O presidente venezuelano xa respondera máis dunha vez a estes ataques perguntándolle á alta xerarquía católica de Venezuela o lugar que ocupaban e as críticas que nunca fixeron aos goberno democráticos anteriores. Cómpre lembrar que a alta xerarquía católica venezuelana estivo presente, o xesuita e profesor da Universidad Católica Andrés Bello, Mikel de Viana e o cardeal Ignacio Velasco, este último asinou o 12 de abril de 2002 o decreto do ditador Pedro Carmona Estanga que eliminaba os cargos públicos electos democráticamente e instauraba unha ditadura no país.

O día seguinte, 13 de abril de 2002,  ante a fervenza de xente que saiu ás rúas de Caracas para pedir á volta do presidente democrático, Hugo Chávez, e a restitución da democracia,  o ditador Pedro Carmona dá instrucións para que un helicóptero militar pilotado polo coronel Julio Rodríguez Salas, un dos cabecillas do golpe, vaia junto co cardeal Ignacio Velasco á illa de La Orchila, lugar de reclusión do presidente Chávez, para lograr a ainatura de renuncia á presidencia.  O presidente deposto, Chávez, non aceptou asinar e o cardeal Ignacio Velasco fracasou na súa misión.


A Pastoral dedicada ao Bicentenario de vida independente republicana en Venezuela esquece a estreita colaboración da Igrexa católica venezuelana contra as tropas insurxentes e o apoio irrestrito as tropas de ocupación españolas.

En 1812, dous anos despois da independencia, un terremoto asola Venezuela e Caracas e destruida. Foi o 26 de marzo, un Xoves Santo. A Igrexa venezuelana asegurara ao pobo que  o terremoto fora un castigo de Deus por separarse da monarquía española.

A frase de Simón Bolívar: "si la naturaleza se opone a nuestros designios lucharemos contra ella y haremos que nos obedezca" foi a respostapública ante as ameazas da Igrexa.



Ligazóns

4,5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: