Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Moción de censura no concello pontevedréss

Co Porriño, o PPdeG suma e segue no reagrupamento da dereita

Alén do inminente acordo n'O Porriño, a volta do PP ao poder na Xunta estimulará a próxima incorporación doutras formacións baixo o paraugas do partido.

Redacción - 10:00 16/01/2010
O Porriño, Casa do Concello

O Porriño, Casa do Concello

Ao abeiro do acordo do PP e as formacións Cidadáns de Porriño e Independentes de Porriño para a presentación dunha moción de censura que lle outorgue a alcaldía á dereita deste Concello, Rafael Louzán, presidente provincial do PP de Pontevedra, aproveitaba este venres para presumir da capacidade de atracción do seu partido.

Asegurou Louzán que en próximas semanas haberá noticia de novas incorporacións de máis formacións independentes, xurdidas de escisións das propias filas populares, e que retornarán ao acubillo das siglas do PP. Ao tempo, confirmaba que as formacións que agora preparan o asalto ao poder no Porriño acudirán con toda probabilidade nunha única candidatura nas vindeiras eleccións municipais, en 2011. Así e todo, non aclarou de que grupos nin en que concellos se avanza actualmente nesas negociacións, aínda que si asegurou que o seu partido non proxecta novas mocións de censura a curto prazo logo desta do Porriño, a cuarta na provincia.

Moción a presentar o mércores 20
Os catro concelleiros do PP e cinco de grupos independentes (tres de Cidadáns e dous de Independentes, ambas as dúas formacións escindidas das filas populares) asinarán o próximo mércores nunha notaría a moción de censura para desaloxar da Alcaldía do Porriño o alcalde do BNG, Raúl Francés, quen goberna en minoría con cinco edís.

As tres formacións selaron o acordo que outorgará o bastón de mando do Porriño a Nelson Santos, voceiro de Cidadáns por Porriño, xa que o PP cedeu a alcaldía a este grupo e quedará coa primeira tenza de alcaldía, mentres que Independentes de Porriño ocupará a segunda. O acordo inclúe o compromiso de que as tres formacións políticas, todas do espectro ideolóxico de centrodereita, concorrerán nunha única candidatura ás próximas eleccións municipais baixo as siglas do PP. Ao respecto, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, resaltou que esta única lista será "forte e con bases moi sólidas".

Nun comunicado, Louzán resaltou que o novo goberno contará con maioría absoluta, polo que porá fin "á situación de anquilosamento" que provocaba unha alcaldía "con tan só cinco concelleiros fronte aos 12 da oposición". Así, subliñou que o pacto será "duradeiro e estábel" e pretende poñer "por enriba de calquera interese persoal ou partidista, o xeral dos veciños".

"Total entendemento do PP", admiten os independentes de volta ao paraugas popular
O líder de Cidadáns por Porriño, Nelson Santos, destacou o "total entendemento" que alcanzou a súa formación co Partido Popular e Independentes de Porriño para levar a cabo a moción de censura que previsiblemente desbancará o nacionalista Raúl Francés da Alcaldía desta localidade pontevedresa. Ademais, estimou que o novo executivo local, no que exercería de alcalde, será "sólido".

En declaracións a Europa Press, Santos confirmou que os tres grupos presentarán este mércores no rexistro do Concello a moción -- previamente asinada ante notario-- no pleno da Corporación o próximo 1 de febreiro. A sesión terá carácter extraordinario e comezará a partir das 12.00 horas. Dado que a previsión dos grupos é concorrer de xeito conxunto baixo as siglas do PP ás próximas eleccións locais, Santos erixirase no candidato popular para eses comicios "se non xorde nada fóra do normal", xa que, segundo asegurou, "as bases do acordo aséntanse nese sentido".


2.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: