Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Garante solvencia e galeguidade"

O Goberno considera que a auditoría avala a fusión das caixas

A fusión custará 485 millóns que quedarían amortizados en 2013. Implica o peche de 280 oficinas e a perda, vía prexubilacións, de 1.296 postos.

Redacción - 13:45 20/01/2010

"É solvente, garante a galeguidade e está tecnicamente avalada". Así se referiu este mércores a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, á auditoría encargada pola Xunta á consultora KPGM, ao respecto da posíbel fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Xa que logo, e á luz desa análise, o Goberno vería confirmada a súa vontade de que que as dúas entidades se funcionen, dando por seguro que a caixa resultante "daría beneficios desde o primeiro ano". O custo estimado da reestruturación sería de 485 millóns de euros, amortizados na altura de 2013, xa que se espera que as sinerxias xeren 120 millóns de euros anuais. Por outra parte, a fusión causaría o peche de 280 oficinas. Isto implica a perda de 1.296 empregos. Dese recorte o 92% sería cuberto con prexubilacións e o resto a través de "baixas incentivadas".

Admitiu a conselleira que a auditoría encargada pola Xunta non contempla escenarios diferentes á fusión, indicando que podería haber proxectos de "absorción" con mellores ratios (a caixa resultante da fusión Caixa Galicia e Caixanova converteríase de seu na quinta a nivel estatal). Mais neste punto, Fernández Currás insistiu en que "o auténtico dividendo das caixas é social". "Despéxanse as dúbidas sobre a solvencia dun proxecto conxunto, non estamos garantindo a mellor opción", puntualizou.

A avaliación da solicitude necesaria ao Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) é dun total de 1.190 millóns de euros, cálculo provisional baseado no 2% dos activos ponderados de risco actuais. A entidade fusionada obtería no treito 2010-2015 uns beneficios estimados de 2.671 millóns de euros, abondo para a devolución das axudas nun prazo máximo de sete anos. No mesmo período, a nova caixa fornecería unha obra social por valor de 300 millóns de euros, o 20% dos beneficios esperados.

Riscos saídos do negocio inmobiliario
A auditoría sinala no ámbito das debilidades de Caixa Galicia e Caixanova o "risco do promotor construtor", aínda que o cinxe a unha suposta "burbulla inmobiliaria autóctona". Ao respecto, non se profundiza nos dubidosos negocios acometidos polas entidades no sector a nivel estatal. A conselleira tamén negou que se encontrasen "pasivos ocultos", ao tempo que evitou valorar se o balance reflicte unha mellor situación nunha entidade respecto da outra. "O único que constatamos é a bondade dunha fusión para acadar máis tamaño, eficiencia e solvencia", concedeu.

A investigación afirma que a solvencia da entidade resultante (o chamado Tier 1), que debería estar entre o 8,5 e o 10%, quedaría no 9%, mentres que o beneficio antes de obra social estaría no 13,2%, por enriba das metas marcadas, entre o 10 e o 12%. A eficiencia sería do 47,7%, fronte ao obxectivo de que se atope entre o 45 e o 50%. Neste punto, Fernández Currás destacou que este ratio se melloraría en 20 puntos porcentuais con respecto á situación conxunta actual de Caixa Galicia e Caixanova, que é do 67%, xa que se trata dun indicador que é mellor canto máis baixo.


4.2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: