Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Nova reunión da ICANN

PuntoGal preséntase como unha oportunidade para unir a comunidade emigrante

Na xuntanza mantida en Barcelona salientouse o valor dos dominios culturais e lingüísticos co exemplo de éxito do .cat.

Redacción - 12:50 28/01/2010

A Asociación PuntoGal segue a presentar o seu proxecto perante a ICANN coa previsión de que se aprobe o dominio para a lingua e a cultura galegas na internet. A súa última intervención até o momento tivo lugar en Barcelona, na edición número 10 do ICANN Studienkreis. Na capital catalá reuníronse expertos para tratar cuestións relacionadas coa xestión da internet e a concesión de novos dominios xenéricos.

O .gal presentouse como un dominio cultural e lingüístico, que non está restrinxido a un territorio concreto, senón a unha cultura e lingua específicas, o que fai que se poida converter nun punto de encontro virtual para a ampla comunidade emigrante galega. Unha representante de PuntoGal explicou a importancia de contar cun dominio propio como unha ferramenta para obter unha maior visibilidade a nivel mundial e para promocionar a nosa cultura e a nosa lingua.

Un exemplo da aceptación que poden ter os dominios culturais e lingüísticos foi o caso de éxito do .cat, que se presentou como un modelo de dominio ben xestionado, viábel, innovador e seguro. Tamén se discutiron as propostas que estuda a ICANN para conceder novos dominios, despois de reiterados adiamentos do proceso por mor de problemas de protección, seguridade ou estabilidade.

A ICANN está a analizar a proposta "Expressions of Interest", que sería unha pre-solicitude en que as candidaturas enviarían o nome de dominio solicitado para poder coñecer de antemán o número e o tipo de candidaturas. Isto non significaría, no entanto, a apertura inmediata do proceso.


4.43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: