Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Nace a publicación 'Pensar e Axer'

"En Galiza moito de marxismo non se fala"

Desde este luns é accesíbel na web unha nova "revista dixital de pensamento marxista e nacionalista galego". Falamos co seu director, Xabier P. Igrexas.

Fernando Arrizado - 12:00 01/02/2010

"Constatamos que entre a xente nova e non tan nova había unha carencia importante no acceso a textos de contido marxista", comenta Xabier Pérez Igrexas ao respecto da motivación que levou ao nacemento de Pensar e Axer. O director da publicación, accesíbel na web desde este luns, afirma con certa retranca que "en Galiza moito de marxismo non se fala". Por iso, di, "xorde da necesidade de aumentar a presenza, ou dotar de presenza, chaves de pensamento máis necesarias ca nunca no actual contexto de crise sistémica".

Pensar e Axer
é unha mistura de contidos. Cun deseño a camiño entre a "revista clásica e o periódico dixital"; con informacións e reflexións que atinxen directamente o país e outras que o afectan no marco de "procesos internacionais interesantes"; con especial atención ás "ideas marxistas contemporáneas", mais sen esquecer os "textos clásicos".

A este respecto, Pérez Igrexas avanza que a publicación contará "máis adiante" cunha biblioteca virtual que ha recoller estas achegas históricas, principalmente algunhas que están "xa editadas en portugués". Algo que, recoñece, "xa fixo Primeira Linha coa Biblioteca Marxista em Galego, mais que só conta con textos clásicos".

Desde a revista, editada pola Asociación Cultural Guieiro para a Divulgación do Pensamento Marxista e Nacionalista Galego, consideran que cómpre dar a coñecer os "procesos internacionais converxentes", debates que se están a dar a nivel mundial unha vez se sae da "anestesia que produciu a caída do bloque soviético", e que "demostran que é o momento de volver actuar".

Columnistas e contidos audiovisuais
Ademais, desde unha posición en que "Galiza deixe de dar a imaxe dunha aldea gala illada do mundo", máis aínda "cando se constatan os paralelismos existentes con outros procesos". "Por exemplo, é evidente o parecido entre o movemento da esquerda en Galiza e Uruguai, que nos contactos que tivemos, tamén nolo fixeron ver desde o Frente Amplio", relata Pérez Igrexas.

Pensar e Axer, "aínda que non é un xornal, nin pretende selo", terá unha actualización de contidos de elaboración propia "máis ou menos periódica, na medida das posibilidades" dos seus responsábeis. Paulatinamente, tamén se irán incorporando diversos columnistas que complementarán as achegas informativas, con reflexións sobre as "ideas marxistas contemporáneas", así como material audiovisual.


Ligazóns

3.67/5 (24 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: