Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INFORME

Contra a crise, os cambios políticos necesarios

A CIG considera imprescindíbel unha reforma fiscal, a redefinición do sistema financeiro e o incremento do gasto social.

Redacción - 13:38 02/02/2010

Xa vai alá máis dun ano dende que os dirixentes políticos recoñeceron explicitamente o contexto de crise no que está inmersa a nosa economía. Porén, a adopción de medidas correctoras foi, ademais de calmosa, moi cuestionada polos diferentes axentes sociais. Agora, a CIG presenta un informe, elaborado por economistas, nas que repasa, polo miúdo, as que considera medidas necesarias para saír con ben da difícil situación económica actual.

Ao tempo que recorda que esta crise pon en cuestión o modelo económico e social do capitalismo neoliberal, a CIG reclama unha mudanza de sistema económico e produtivo que, en troques de ofrecer apoios directos á banca ou estabelecer medidas temporais para contrarrestar o desemprego, se baseen no reparto da riqueza para “contribuír a unha sociedade máis democrática”.

Público fronte a privado
Piden que o Estado use a súa capacidade regulamentaria da actividade económica e tome medidas extraordinarias, como a promoción de empresas de pequeno capital con vínculos directos coa actividade produtiva. Nesa liña aposta polo capital público, “como forma de incidir na orientación económica en beneficio da maioría social”.

Reforma fiscal
Exixen a “reconsideración do conxunto do sistema fiscal para darlle coherencia”, tamén “reequilibrar o peso dos impostos directos e indirectos e recuperar o seu carácter progresivo”. En concreto, neste eido propoñen medidas concretas como a creación dun imposto para as grandes fortunas; melloras no IRPF; reformas no Imposto de Sociedades; na estrutura e tipos de IVE; implementación da fiscalidade verde; ou vieiros encamiñados á loita contra a fraude fiscal.

Redefinición do sistema financeiro
A CIG asegura que “a saída á actual crise pasa por adoptar medidas de maior alcance, que muden estruturalmente ese modelo fracasado, redefinindo e construíndo un auténtico sistema financeiro galego”. Neste apartado, tamén apuntan á creación dun Instituto Galego de Crédito e Investimento; a creación dunha Banca Pública Galega; e a constitución dunha Caixa de Aforros Galega.

Incremento do gasto social
O déficit de gasto social no Estado Español é de sete puntos do PIB en relación coa media da Unión Europea. A este dato apela a CIG e reclama que en Galiza “se acade a porcentaxe media do PIB que se destina en Europa a gasto social, máis necesario se cabe na actual situación de crise”. Así, no seu informe fan un repaso á necesaria defensa activa do sistema sanitario galego, do mesmo xeito que no eido do ensino, da vivenda, de infraestruturas, de medio ambiente, de igualdade e conciliación, de dependencia ou de cultura. Para cada un destes ámbitos ofrecen propostas detalladas para garantir uns servizos públicos e estruturas axeitadas.

Medidas reais no eido laboral
Tendo en conta que “o desemprego medra aquí moi por riba da media europea”, a central sindical considera necesario adoptar medidas que corrixan esta situación, así como “reformas no sistema público de emprego que faciliten a inserción das persoas en paro, melloren a formación profesional e revisen as prestacións por desemprego incorporando o salario de inserción laboral”. Tamén neste apartado, a CIG apunta medidas concretas que van dende a revisión da política de subcontratación e privatización dos servizos públicos até o estabelecemento dun modelo propio de formación, entre moitas outras.

Autogoberno e competencias
Finalmente, o sindicato nacionalista defende que Galiza “necesita autogobernarse” e aposta pola soberanía nacional ao entender que “o actual marco xurídico, imposto pola Constitución e o Estatuto de Autonomía, é claramente insuficiente naquelas materias que máis afectan a traballadoras e traballadores”. A maiores, reclaman a transferencia inmediata de diferentes competencias como: a lexislación laboral e social; as políticas activas e pasivas de emprego; as funcións da Seguridade Social; ou a ordenación das actividades económica, industrial e enerxética, entre outras.


Ligazóns

4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: