Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"Solidariedade, non caridade"

"Se o podemos facer cos nenos do Sáhara, por que non cos de Haití?"

O alcalde de Ribadeo lamenta que nin desde a Xunta nin desde o Estado desen resposta á oferta do Concello de acoller crianzas haitianas de xeito "transitorio".

Fernando Arrizado - 17:00 02/02/2010
Fernando Suárez Barcia

Fernando Suárez Barcia

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia (BNG), lamentouse da falta de resposta por parte dos gobernos galego e español ao respecto da proposta de acollida de crianzas haitianas. O rexedor enviou cartas a Feijoo e Zapatero hai máis dunha semana explicándolles a oferta.

"Se o podemos facer cos nenos do Sáhara, por que non cos de Haití?", pregúntase Suárez Barcia en declaracións a Vieiros. "O Goberno do Estado -que é quen ten as competencias para negociar- debería de valoralo", afirmou.

Porén, explica o alcalde que a proposta se fai con toda a "prudencia". "Sería unha acollida temporal e transitoria" -insiste-, en que a Xunta podería axudar alí "onde ten competencias, por exemplo, sanitarias e educativas".

A idea é funcionar de igual modo que se fai en programas similares como o de Vacacións en Paz, de acollida de crianzas saharauís. "Hai quen pode pensar que é unha iniciativa demagóxica; todo o contrario. Trátase de solidariedade, non caridade, e facémolo coa idea de que se sumen máis concellos", argumenta.

"Canto antes se faga, mellor"

Logo do terremoto de Haití, "moita xente pedía facer algo máis alá que o festival de solidariedade (organizado poucos días despois so sismo na vila)", sobre todo ante "o que reflectían os medios, especialmente da situación dos nenos orfos", comenta Suárez Barcia.

"Canto antes se faga, denantes que caia no esquecemento, mellor", alerta, e di que o Concello -que estaría en disposición de "pagar a viaxe en avión dos cativos"- seguirá a insistir tanto por escrito como telefonicamente.


3.73/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: