Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rifa a conto das caixas de aforro

A Losada impórtalle "un bledo" o que diga Caballero

"A min só me importan os intereses dos coruñeses", afirmou o rexedor da Coruña, Xavier Losada,

Redacción / Europa Press - 17:40 05/02/2010
Xavier Losada, alcalde da Coruña

Xavier Losada, alcalde da Coruña

"A mi só me importan os intereses dos coruñeses", sentenciou o alcalde d'A Coruña, Xavier Losada, a preguntas dos xornalistas, sobre a manifestación convocada polo alcalde de Vigo en contra da fusión das caixas galegas. O rexedor coruñés instou a Xunta e a o goberno español a "poñerse a dialogar" sobre a Lei de Caixas de Galicia e reclamou tamén "respecto" para o informe do Consello de Estado que considera que algúns artigos desta lei non se axustan á Constitución. Por outra banda, afirmou que lle importa "un bledo" o que opine sobre esta tema o rexedor de Vigo, o tamén socialista Abel Caballero.

Pola contra, avogou por que o goberno español e o galego busquen un "punto de encontro". Así, instou ambas as dúas administracións a "poñerse a dialogar xa", ao insistir en que deben negociar "o máis rapidamente posíbel". Tamén sostivo que se o Consello de Estado entende que hai artigos da Lei de Caixas de Galicia que non se axustan á Constitución e ás leis orgánicas "o lóxico" é que esta negociación se inicie "e no menor tempo o adecúen", afirmou sobre o contido da lei galega.

O alcalde da Coruña pediu tamén un "grande respecto" polo informe do Consello de Estado e polas actuacións dos seus membros, "que velan polos intereses da legalidade e que foron elixidos de forma democrática", remarcou. Non obstante, Losada asegurou, respecto ao diálogo que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo reclamou ao executivo estatal, que tamén á Moncloa posiblemente lle gustase "que antes de facer unha lei desta importancia se falase co Banco de España e co vicepresidente económico", apuntou. "Non é momento de dicir eu máis, eu menos", insistiu Losada, en relación ao cruzamento de declaracións entre o goberno español e a Xunta, e asegurou que "é o momento de dar resposta aos cidadáns". "Os alcaldes nestes temas son máis intelixentes e temos unha maior capacidade de raciocinio e somos máis respectuosos que cando hai unha loita política", indicou Losada ao avogar porque a Xunta e Madrid diriman as súas "diferenzas".

A prol da fusión galega
Por outra banda, insistiu na necesidade de que Galiza conte cunha "caixa forte, con capacidade para levar o aforro dos galegos e posibilitar un futuro económico e financeiro no noso territorio". Ao respecto, Losada volveu apostar pola fusión de Caixa Galicia e Caixanova, que considerou "boa" para Galiza, mais chamou a que A Coruña lidere este proceso e advertiu que esixirá responsabilidades "como se leven algo" desta cidade. Deste modo, defendeu unha "caixa forte e con galeguidade" e incidiu en que "iso significa que os órganos de decisión estean nesta cidade e que se lle dean as mellores expectativas aos impositores, os empresarios e a todos os cidadáns", engadiu.


1,63/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: