Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Segunda volta

Ucraína elixe presidencia entre dúbidas sobre a limpeza do proceso

Víctor Ianukóvich, apoiado por Rusia, parte como favorito, mentres a primeira ministra Iulia Timoxenko anuncia manifestacións no caso de derrota.

Redacción / Europa Press - 12:40 07/02/2010

Ucraína vive este domingo a segunda volta das súas eleccións presidenciais nun ambiente político tenso. De feito, a comunidade internacional teme un posíbel colapso do proceso electoral. Por unha banda, as acusacións entre o favorito, Víctor Ianukóvich, e a súa rival, a primeira ministra Iulia Timoxenko, que ameazou con sacar os seus partidarios á rúa no caso de derrota.

Pero outro dos motivos de alarma internacional é a modificación a última hora da lei electoral, que observadores europeos consideran sospeitosa e que podería desembocar nunha petición de Timoxenko para anular a votación. A mudanza permitirá levar a cabo o escrutinio nos colexios electorais mesmo sen presenza de representantes das candidaturas.

O ex-primeiro ministro Ianukóvich venceu a primeira volta cun 35 por cento dos votos. O seu triunfo na segunda volta é probábel grazas aos apoios dos comunistas e do presidente do Parlamento, derrotados na primeira fase das eleccións.

Cinco anos despois da 'revolución laranxa', a comunidade internacional xa non se amosa partidaria incondicional de ningún dos candidatos, frustrada polo escaso progreso democrático rexistrado en Ucraína. Porén, Moscova non oculta a súa preferencia por Ianukóvich, triunfador dos fraudulentos comicios de 2004.

Os dous candidatos xa depositaron o seu voto. Ianukóvich votou na capital, Kiev, coa "confianza de que os ucraínos merecen unha vida mellor". En declaracións á axencia oficial rusa, RIA Novosti, o candidato afirmou que votaba "polas boas mudanzas, pola estabilidade e por unha Ucraína forte".

Pola súa banda, Timoxenko depositou o voto a primeira hora da mañá na súa cidade natal, Dnipropetovsk, a prol dunha "Ucraína nova, feliz, un rico e fermoso estado europeo". Declarou a Reuters que "só nese estado a xente vivirá feliz, e cada persoa atopará o seu sitio. Servirei esta causa con toda a miña alma e as miñas aptitudes".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: