Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ACTO DE CONCILIACIÓN NO XULGADO

López Abella asegura que nunca quixo inxuriar as traballadoras de I+B pero négase a rectificar no Parlamento

As demandantes afirman que só pararán as accións xudiciais cando a secretaria xeral de Familia e Benestar desdiga as acusacións de "enchufismo" no Hórreo.

Redacción - 12:30 08/02/2010

É o Parlamento unha tribuna dende a que se pode inxuriar libremente? Trece ex traballadoras das oficinas de Igualdade e Benestar están dispostas a que o que consideran unha difamación de libro non fique impune. Hai algo máis de tres meses unhas declaracións da secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, desataron un forte enfrontamento entre as oficinas I+B e o Goberno. Nunha comisión parlamentaria, a alto cargo 'popular' afirmou que os empregados foran contratados “a dedo, sen que houbese ningún tipo de selección”. Ao día seguinte, os principais medios recolleron a noticia do “enchufismo” obviando, ao igual que Abella, a existencia de procesos de selección abertos, que foran publicados no seu día no DOG e na propia páxina do Consorcio de Servizos da Igualdade.

Logo de pedir por activa e por pasiva a rectificación da secretaria xeral, un grupo das traballadoras aludidas decidiu contratar un avogado particular e iniciar accións legais. Este luns, estaban citadas as partes nun acto de conciliación que tivo lugar nos xulgados de Compostela. Mais, como era previsíbel, non houbo acordo.

A defensa de López Abella presentou un documento no que se afirmaba que a secretaria xeral “lamentaba profundamente as molestias provocadas polas súas palabras” mais facía fincapé en que estas tiveran lugar en “sede parlamentaria e no contexto dun debate político”. Na declaración escrita, a número dous da Consellaría de Traballo e Benestar subliñaba que “en ningún caso pretendía coas devanditas palabras cuestionar a profesionalidade e honorabilidade (...) e moito menos un especial ánimo ou intención de inxuriar” as demandantes.

No acto de conciliación as traballadoras puxeron como condición para chegar a un acordo que López Abella fixese unha rectificación no mesmo lugar onde fixo as acusacións: o Parlamento. Porén, os representantes da secretaria xeral non aceptaron a petición.

Camiño dunha demanda penal

Cal será o seguinte episodio deste conflito? A pelota volve a estar no tellado das denunciantes. Nas vindeiras semanas decidirán se seguen o camiño xudicial e que tipo de demanda (civil ou penal) van presentar contra a secretaria xeral. O principal atranco co que se atopan son os custes económicos  que deben afrontar. Aínda así, varias das ex traballadoras xa amosaron a súa intención de “chegar até o final para que quede claro que non eramos ningunhas enchufadas e que non se pode inxuriar de balde”.

O primeiro paso para o desmantelamento do servizo


A polémica intervención de López Abella certificou o que moitos dos traballadores das oficinas I+B sospeitaban: o novo Goberno quería desmantelar o servizo público. Semanas despois, o Consorcio anunciaba que non se destinarían fondos para os plans comarcais de Igualdade e Familia. O 31 de decembro producíase o despedimento de 61 traballadoras, que denunciaban que a Xunta as puxera deliberadamente na diana cunha campaña de difamacións que xustificasen diante da opinión a abolición dos servizos.


4.88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: