Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza na Moncloa

"Que impere a razón", reclámalle Vázquez a Zapatero ao fío das caixas

O voceiro nacional do BNG pediulle ao presidente do goberno español a inclusión dunha "axenda galega" na presidencia de quenda da Unión Europea.

Redacción - 09:55 09/02/2010

A demanda da retirada do recurso de inconstitucionalidade contra a lei de caixas de aforros, a introdución das prioridades galegas na axenda da Unión Europea e a análise, a crise económica e os investimentos do Ministerio de Fomento no país foron os eixos da conversa que mantiveron este luns o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero, e o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez. De xeito especial, Vázquez insistiu na necesidade de que desde Madrid non se obstaculice que "poida haber caixas ao servizo de Galiza, como as hai ao servizo de cataluña, Euskadi e Andalucía". Foi así que teimou en que "impere a razón".

Doutra banda, Vázquez esixiulle ao goberno español que abra unha "axenda galega" na presidencia de quenda que o executivo estatal ostenta este semestre na Unión Europea. Lembrou o voceiro nacional do Bloque a necesidade de levantamento do veto que pesa sobre Astano e subliñou o compromiso concreto expresado por Zapaterono Congreso neste sentido. Destacou ademais o impulso dunha nova política agraria "que lle dea viabilidade ao sector lácteo". Tamén a defensa dos intereses da flota de pesca galega estivo na conversa, xa que Guillerme Vázquez expuxo a posición do BNG a prol da declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca por parte da UE".

Queixa sobre o ataque á lei de caixas
Na xuntanza foi tema destacado a actualidade arredor da reforma da lei de caixas de aforros. Guillerme Vázquez defendeu a norma aprobada en Galiza polo Parlamento, un texto no que, recordou, "o BNG tivo moito que ver". Agora atopámonos cun recurso inxustificado", laiouse, "un recurso que busca impedir a fusión galega e iso inevitabelmente se traduciría na deslocalización".

"Un recurso que só busca impedir a fusión galega e iso inevitabelmente se traduciría na deslocalización das nosas caixas, a que perdésemos os centros de decisión", advertiu. A ese respecto, queixouse Vázquez de que Rodríguez Zapatero definise a decisión do seu executivo como "recurso técnico". "Eu díxenlle que na miña opinión é un recurso político", indicou o voceiro do Bloque. "Para nós, a lei é plenamente constitucional e ten contidos idénticos a outras leis que non foron recorridas”, xustificou Vázquez.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: