Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Recursos naturais e pobreza social

O gas licuado enfronta habitantes de Papúa Nova Guinea e o Goberno responde vetando o consumo de alcol

A estadounidense ExxonMobil viuse na obriga de parar as obras dun conduto de 600 quilómetros, que contan cun orzamento de máis de 10 mil millóns de euros.

Redacción - 13:00 16/02/2010
ExxonMobil trouxo diñeiro e conflito

ExxonMobil trouxo diñeiro e conflito

O Goberno de Papúa Nova Guinea vai estabelecer a prohibición de beber alcol en Southern Highlands a partir de maio, argumentando que ha servir para atallar as revoltas tribais nesta provincia e que provocaron a morte de ducias de persoas desde principios de ano.

"O alcol contribúe a canto menos o 75% dos problemas coa lei e a orde", sinalou o superintendente Jimmy Onopia á ABC, a televisión pública australiana. Arredor de 550 mil persoas viven nesta parte do país, independente desde 1975, a máis poboada das 20 provincias de Papúa Nova Guinea.

A violencia desatada obrigou a multinacional petroleira estadounidense ExxonMobil a deter as obras de construción dun conduto de gas natural licuado (GNL, o mesmo que xestiona Reganosa na Ría de Ferrol). A canle, duns 600 quilómetros e cun orzamento de máis de 10 mil millóns de euros, atravesa a zona.

Liortas pola propiedade das terras

Precisamente, esta é a causa principal das revoltas entre clans e non a suposta embriaguez dos seus membros, segundo a ministra de Desenvolvemento Comunitario, Carol Kidu. E, concretamente, polas reclamacións sobre os dereitos das terras.

"De súpeto, con este proxecto de GNL e con todas estas tensións e receos sobre a propiedade das terras, estalou unha guerra tribal, unha guerra entre vilas", declarou Kidu a semana pasada, informan axencias internacionais.

Recursos naturais e desenvolvemento humano

Aaron Batten, economista da Australian National University, considerou ao respecto que a historia do país mostra que "as provincias que rexistraron as máis grandes ganancias coa extracción de recursos naturais estiveron marcadas pola febleza nos seus gobernos, pola pobreza na oferta de servizos e, en moitos casos, pola violencia".

Papúa Nova Guinea (Papua Niugini, no idioma local) ocupa o posto 148º na lista de 182 países elaborada por Nacións Unidas sobre o índice de desenvolvemento humano.


4.56/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Información elaborada pola canle de TV 'Al Jazeera'

Obras de ExxonMobile na zona
Obras de ExxonMobile na zona
Soldado de PNG. O Goberno nega que as mortes estean provocadas polo oproxecto de ExxonMobile
Soldado de PNG. O Goberno nega que as mortes estean provocadas polo oproxecto de ExxonMobile