Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
PRIMEIRAS VALORACIÓNS DO POL

Plano do Litoral: as medidas cautelares, agora máis necesarias que nunca

Este 15 de febreiro, varias organizacións ecoloxistas reunímonos co conselleiro de M.A.T.I. para recibir información sobre o POL. ADEGA expresou a preocupación por algúns aspectos normativos do documento, como o feito de que os Planos Sectoriais en vigor (acuícola, eólico, portos deportivos, solo empresarial, estradas...) non estén sometidos ao POL. Tamén interesámonos polas medidas de caución durante a fase de tramitación, logo de que este 17 de maio remate a moratoria da Lei de Medidas Urxentes. Coidamos que é durante a tramitación do POL (uns 7 meses), cando ten máis sentido manter a moratoria urbanística para evitar discrecionalidades e agravios comparativos por parte da administración e desactivar unha carreira desbocada por parte das construtoras para apropiarse do terreo parcialmente "liberado, antes de que o POL entre en vigor.

ADEGA - 10:09 16/02/2010
Tags:

ADEGA valora positivamente o esforzo de catalogación e integración da complexa información ambiental e territorial que recolle este Plano, mais bota de menos, na parte normativa, unha maior claridade e definición das categorías de protección e un maior compromiso coa ordenación sustentábel das actividades permitidas e autorizábeis no territorio ordenado polo POL.

Acontece, por exemplo, que alén dos usos autorizábeis e permitidos para cada categoría de solo (arts. 34, 35 e 36), que someten á interpretación da Xunta o carácter compatíbel ou non dalgúns usos (pistas e aparcadoiros, depuradoras, SPAs, estaleiros...) e outras construcións e instalacións "vencelladas a un servizo público" (coa compoñente de discrecionalidade que isto conleva), hai ademáis determinadas instalacións que ficarían fóra do ordeamento do POL:

ART 32.- Limitacións de uso
As limitacións xerais de uso regulado en cada Área do POL, así como nos distintos Espazos de interese, enténdense sen prexuízo do réxime máis restritivo que puidese establecer a lexislación sectorial ou o planeamento municipal. Usos permitidos: os compatibles coas determinacións establecidas para cada Área do POL e Espazo de interese sen prexuízo da exixencia de licenza urbanística municipal e demais autorizacións administrativas sectoriais que procedan.
Usos autorizables: os suxeitos a autorización da Administración autonómica, previamente á licenza urbanística municipal e nos que se deben valorar en cada caso as circunstancias que xustifiquen a súa autorización coas cautelas que procedan en atención ás súas particularidades. Na autorización destes usos terase en conta o carácter taxado da excepción, os obxectivos e criterios recollidos no Título I e o principio de que os usos non lesionen de maneira importante ou substancial o valor que fundamentou a súa inclusión na correspondente Área do POL ou a súa pertenza a outros Espazos de interese.
Usos prohibidos: os incompatibles coas determinacións establecidas para cada categoría de solo ou que impliquen un risco relevante de deterioración dos seus valores.
Non necesitarán autorización autonómica previa, aos efectos do presente Plan as infraestruturas, dotacións e instalacións previstas nun proxecto sectorial aprobado ao abeiro da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia.

Isto é: piscifatorías, parques eólicos, portos deportivos, polígonos industriais, estradas, etc. incluidas nun Plano Sectorial xa aprobado quedarían fóra do POL, por moito que a súa tramitación ambiental fora, nalgúns casos, discutíbel. Habería pois un POL para os concellos e a cidadanía, de obrigado cumprimento, e outro para Pescanova, Endesa, Residencial Marina Atlántica, etc., que eximiría as súas instalacións deste ordeamento.

O agravio comparativo é pois evidente, máxime cando algúns destes Planos Sectoriais, como por exemplo o eólico, anterior á lei 9/2006 de Avaliación Ambiental Estratéxica (que sí teñen que pasar os PXOMs dos concellos) contaron cunha deficiente tramitación ambiental; ou o acuícola, con escandalosas eivas no seu ISA (Informe de Sustentabilidade Ambiental), e que van causar evidentes e irreversíbeis impactos no litoral.

Outro ponto de discrepancia é que vai acontecer despois do 17 de maio, data na que caduca a moratoria dos 500 m consagrada na Lei de Medidas Urxentes, aprobada polo bipartito e renovada por Feijóo. Co POL en tramitación como mínimo até decembro de 2010 e, portanto, suxeito a modificacións, e cos documentos complementares (Catálogo das Paisaxes Litorais, entre outros) e as DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio) aínda en redacción, levantar parcialmente a cautela urbanística a discreción da Xunta pode provocar unha carreira desaforada por "pillar cacho" denantes de que o POL sexa aporobado definitivamente e impida algúns aproveitamentos "liberados" durante o periodo transitorio.  A este respeito, preocúpanos a redacción do artigo 3, que deixaría amplas "zonas francas" libres de cumprir a regulamentación propia das 3 categorías do POL (protección ambiental, millora paisaxística e ordenamento):

ART 3.- Aplicación.
Ata que o planeamento urbanístico se adapte ao presente plan quedarán excluídos da súa aplicación os solos clasificados á súa entrada en vigor como urbanos consolidados, núcleos rurais ou aqueles que conten con instrumento de desenvolvemento e de xestión aprobado definitivamente.

Moitos dos solos incluidos baixo estas denominacións urbanísticas nos actuais PXOMs non cumprirían sequera as condicións que fixa a Lei do Solo de 2002, norma da que os concellos "pasaron olimpicamente" (só 3 dos 84 concellos costeiros teñen os seus PXOMs adaptados). Deste xeito e durante os dous anos de prazo para a adaptación dos concellos ao POL, chans urbanos e moi especialmente núcleos rurais e zonas de ampliación, planificadas con pouco ou ningún criterio ambiental -e moitas veces ao ditado das construtoras-, tamén quedarían fóra.

Por iso ADEGA coida máis que xustificado que durante o trámite de aprobación do POL, mantéñanse as medidas cautelares, ben prorrogando a vixencia da moratoria (o ideal) ben através da normativa do propio POL (e como mínimo nas zonas de "protección" e "millora ambiental"). Sería unha medida profiláctica contra a especulación e que transmitiría unha mensaxe clara aos concellos: hai sobre a mesa en tramitación un plano que traballa con criterios obxetivables, aberto a propostas e que pode ser modificado puntualmente: implíquense na súa millora. O que non pode permitirse son as excepcións, sexan temporais ou discrecionais, durante os 7 meses que dure a súa tramitación, o que suporía baleirar de contido grande parte da norma por ceder ás presións dos intereses urbanísticos de concellos e construtoras.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: