Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A XUNTA REBAIXA A PARTICIPACIÓN AO 22%

O 75% do persoal sanitario de Vigo secunda a folga contra a privatización

Rexeitan o plan de viabilidade do novo hospital anunciado pola Xunta, no que a xestión dos servizos non sanitarios pasarán a mans da empresa privada.

Redacción - 17:45 24/02/2010

Por un hospital público na súa totalidade. Esa é a reivindicación do persoal sanitario do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), que este mércores participou dunha folga de 24 horas no sector. Segundo a Xunta de Persoal, o seguimento foi do 75%, unha porcentaxe que a Consellaría de Sanidade reduce até o 22%.

“Estamos satisfeitos da resposta, malia os altos servizos mínimos que nos impuxeron”, di Manuel González Moreira (CIG), presidente da Xunta de Persoal. O complexo vigués mantivo este mércores a súa actividade ordinaria paralizada, dende os servizos centrais até os quirófanos, que só atenderon os casos urxentes. Con todo, os traballadores subliñan que “non queremos prexudicar os usuarios” con este paro, senón que o obxectivo é “concienciar a cidadanía da necesidade de defender a sanidade pública dos vindeiros 20 anos”.

Camiño á privatización
Con esta folga, e coas manifestacións celebradas nos pasados días, os traballadores denuncian o que consideran un “atropelo á sanidade pública, aos postos de traballo e un empeoramento da calidade asistencial”. Logo de que a Xunta anunciase o plan de viabilidade económica financeira do novo hospital de Vigo, os sindicatos manifestaron o seu desacordo co modelo, que prevé que sexan empresas privadas quen xestionen os servizos non sanitarios.

Así, os servizos de lavandería, lencería, cociña, subministración e xestión enerxética, xardinería, mantemento, seguridade e vixilancia, centraliña, transporte interno e externo, a central de abastecemento e tratamento de auga ou os servizos de reprografía quedarán en mans da xestión de empresas privadas. As concesións terán unha duración de entre 20 e 30 anos.

Máis mobilizacións
Ademais da manifestación convocada para este mércores ás oito no Hospital Xeral, os traballadores do Chuvi teñen previstas diferentes mobilizacións nos vindeiros días. O próximo mércores 3 de marzo haberá un paro parcial no centro e o día 25 está convocado un novo paro xeral en toda a área sanitaria de Vigo, incluída a Atención Primaria. Este día haberá tamén unha gran protesta cidadá convocada por todas as organizacións sindicais e sociais integradas na Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.


Ligazóns

5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: