Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Proxecto "turístico" de 2 millóns de euros

Camuflan como actuación "ambiental" un enlousado nas Brañas de Dodro

Adega avisa dun agresivo proxecto de pavimentación, aparcadoiros e formigonado que arramplará con espazo protexido para construír unha praia fluvial.

Redacción - 10:45 05/03/2010
Concello de Dodro

Concello de Dodro

"Trátase doutro exemplo máis da desafortunada política que o Ministerio de Medio Ambiente estaá a desenvolver na costa nos últimos anos, caracterizada polo desbaldimento de cartos e a teima por urbanizar espazos protexidos ou de alto valor natural". A acusación realízaa este venres a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), que debulla o proxecto bautizado 'Parque Lineal na Ribeira do río Ulla nos Términos Municipais de Dodro e Padrón'.

Segundo a análise exposta polos ecoloxistas trátase na práctica dun investimento de 2,1 millóns de euros en pavimentación (65% do orzamento), movemento de terras, equipamento e mobiliario urbano, sinalización, e outros, en resumo: un 96% dos cartos adicado a urbanizar un Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura etiquetado como "actuacións medioambientais" pero sen ningún investimento real en conservación dos hábitats ou protección das especies en perigo presentes na zona. Como exemplo da torpeza da iniciativa sinalan que se proxecta construír un miradoiro de aves que, advirten, será "perfectamente inútil" xa que a alteración do hábitat afectaríalle negativamente por exemplo á escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica), en perigo de extinción, e que con 10 parellas censadas no contorno, verá perigar o 3% da súa poboación mundial.

Para Adega, esta transformación turística das brañas de Dodro en plena Rede Natura é exemplo do desacerto das actuacións promovidas desde o goberno español ao que acusan de impulsar o investimento noutros proxectos "agresivos" perto da costa. Citan ao fío outros casos, como a suposta rexeneración das praias de Corcubión e Riazor-Orzán ou o que cualifican de "rocambolesca mellora ambiental" de Doniños. Ao respecto deste proxecto no Ulla, Adega xa presentou alegacións e de paso instan a Xunta a que faga valer as súas competencias "na defensa dos espazos protexidos e as especies ameazadas e informe negativamente deste proxecto".


4.36/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: