Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
AXENDA DE ACORDES

Roi Casal, Hidrogenesse, Love Lesbian, a fin de semana rebenta musicalmente

Non sabes que facer? Quedar na casa, ir ao cine, a un concerto? Ofrecémosche parte da oferta musical para esta fin de semana.

Redacción - 12:00 12/03/2010
Hidrogenesse actúa en Pontevedra

Hidrogenesse actúa en Pontevedra

A fin de semana presenta unha variada e agardada oferta de concertos en Galiza. Unha das actuacións estelares será a de Roi Casal, que estará o sábado no Auditorio de Galicia, en Compostela, nunha nova cita do ciclo Sons da Diversidade. O concerto será o sábado 13 ás nove da noite, por 15 euros, con descontos para menores de 25 anos e persoas xubiladas.

Casal presentará temas do seu primeiro traballo en solitario, Lendas douradas, nome tirado dun texto de Curros Enríquez. O artista, que comezou a tocar a arpa aos 14 anos e entrou a formar parte de Milladoiro aos 19, reinterpreta a música tradicional, os sons medievais e a poesía galega dende unha perspectiva do século XXI.

Outro dos concertos máis agardados, e do que xa non quedan billetes, ten lugar este mesmo venres. Love of Lesbian, grupo indie barcelonés, estará ás 10 da noite na Sala Capitol, en Compostela. Xa o sábado, en Pontevedra, outros cataláns, Hidrogenesse, levan o seu art-rock electrónico á sala Karma. Abrirán o concerto os locais Austria, que sairán ao escenario a iso das 11 da noite.

Entre as actuacións previstas para a fin de semana estarán tamén, o venres 12, Los Eternos, no pub Gatos de Melide, á unha da madrugada. Ás 23:30, no Marrucho de Baiona, Martynez presentará o seu EP Human Toys. Unha hora antes, en Bueu, na sala Aturuxo estará Dr. Gringo. Na Coruña, na Rocco Lounge do centro comercial do Porto tocará Álvaro Muras, mentres que en Le Club estarán The Blows ás dez. Na pontevedresa sala Karma actuarán Igloo e Misterioso Viaje Holanda, e na Fábrica de Chocolate, en Vigo, Blues Fever e Carlos Segarra. En Sarria, no Pub Planeta está prevista a actuación de Marcos Coll e Adrián Costa.

Xa para o sábado, na Coruña estará a Banda Potemkin na sala Filomatic, ás 10. Igloo e Misterioso Viaje Holanda desprázanse a Le Club, á mesma hora. Na Fábrica de Chocolate estarán Dorian, L. A. E os DJ Pin y Pon, a partir das 21:30. Na Capitol, en Compostela, será a quenda de One e Dr. Queen, ás 20:40. Pecha a fin de semana, o domingo, Mala Herba, que toca no Aturuxo de Bueu.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: