Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS NA UNIVERSIDADE

USC: Seis candidaturas e unha soa praza en San Xerome

No primeiro día de prazo formalizáronse tres das seis propostas confirmadas para suceder a Senén Barro a partir de maio.

Redacción - 13:30 22/03/2010

Coa apertura do prazo para a presentación oficial de candidaturas ao reitorado, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) iniciou este luns un proceso que mudará o seu principal órgano de goberno, o reitorado. No primeiro día, xa rexistraron a súa proposta tres candidatos: Laura Sánchez Piñón, Lourenzo Fernández Prieto e Xoán Casares Long. Até o de agora confirmáronse outras tres candidaturas, as de Mercedes Brea, Xaime Gómez e Pilar Bermejo, que terán até o vindeiro 7 de abril para formalizala.

Prazos
Nas vindeiras semanas sucederanse previsiblemente os acontecementos: o día 19 de abril publicaranse todas as candidaturas presentadas para, o día 20 de abril, iniciar a campaña electoral, que remata o día 3 de maio. As eleccións celebraranse o 5 de maio e o 18 do mesmo mes proclamarase o gañador. Con todo, neste proceso no que hai máis aspirantes ca nunca, o previsíbel é que haxa que ir a unha segunda volta: de non acadar maioría absoluta ningunha das propostas, as dúas máis cotadas concorrerán nesta segunda votación, para a que se estabelecen catro días máis de campaña electoral (do 19 ao 22 de maio) e o 24 como nova data para votar. Neste caso, a proclamación definitiva sería o 4 de xuño.

Quen é quen?
Pouco se sabe até o de agora dalgunhas destas propostas, mais todas coinciden en defender unha universidade “renovada” e “que mire cara o futuro”. Lemas e consignas á parte, presentamos aquí o perfil dos seis aspirantes, de entre os que sairá o sucesor de Senén Barro.

Laura Sánchez Piñón (Bos Aires, 1954). Ex conselleira de Educación co PSdeG, preséntase como independente e por vez primeira, dende o Campus de Lugo. Catedrática de Xenética Animal dende 2001 e profesora da Facultade de Veterinaria (Lugo). É autora de máis de 70 traballos académicos e fundadora nos 90 de Acuigen, un grupo de xenética de peixes que obtivo o recoñecemento de excelencia competitiva. Define a súa proposta como un proxecto “con vocación integradora, de potenciación do talento e que busca o mellor da universidade para entregarllo á sociedade”.

Lourenzo Fernández Prieto (Ribadeo, 1961). Catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 2005. Licenciado en Xeografía e Historia (premio extraordinario, 1990) e doutor en Historia en Santiago cunha tese sobre a innovación tecnolóxica na agricultura galega contemporánea. Ten publicado máis de 100 traballos de investigación e exerceu como vicerreitor de Relacións Laborais co anterior equipo de goberno en representación da plataforma nacionalista Universidade Aberta (UA), cargo do que dimitiu en marzo do ano pasado. A súa proposta baséase na necesidade de xestionar as capacidades da Universidade e rematar coa “parálise” achacada ao goberno anterior.

Xoán Casares Long (A Coruña, 1950). Catedrático de Enxeñería Química, licenciado e doutor en Química pola Universidade Autónoma de Barcelona e tamén doutro en Enxeñería Química pola Universidade de Salford. A súa carreira docente levouno a dar clases en Vigo, Sevilla, Cantabria ou mesmo Arabia Saudí. Cunha candidatura autocualificada como independente, Casares Long foi o director xeral de Medio Ambiente no anterior goberno do Partido Popular. A súa tarxeta de presentación é “un equipo independente”, “proxecto moi universitario” e “moi renovado e renovador”.

Mercedes Brea (A Estrada, 1950) Doutora en Filoloxía Románica pola USC dende 1975 e catedrática de Filoloxía Románica dende 1984. Foi vicerreitora de Profesorado entre 1987 e 1988 e de 200 a 2004, decana da súa facultade. É experta en literatura románica medieval e dirixe o grupo de investigación que converteu a Universidade de Santiago nun referente neste campo. Se ben podería ser a aposta da Plataforma Universitaria Progresista (PUP) de Senén Barro, presentaríase por outra candidatura independente, mais aínda non transcendeu ningunha das súas propostas.

Xaime Gómez Márquez (A Coruña, 1957). Catedrático de Biolquímica e Bioloxía Molecular dende 2000 e Decano da Facultade de Química. Experto en bioloxía molecular das timosinas e minisatélites do xenoma humano, formouse en Bioloxía na facultade na que leva máis de sete anos sendo decano, se ben pasou tres de estadía posdoutoral no National Institute of Health de Bethesda, en Maryland (EUA). Aposta por “mudar as formas de gobernar e recuperar a esencia da Universidade: a docencia e a investigación”.

Pilar Bermejo (Santiago de Compostela, 1956). Catedrática de Química Analítica da Universidade de Santiago, foi a última en confirmar a súa candidatura. Formouse nesta mesma facultade e completou estudos en Plymouth (Reino Unido). Prestixiosa investigadora, publicou numerosos traballos sobre o enriquecemento do leite. Inicialmente vencellada á plataforma nacionalista Universidade Aberta (UA) pola súa participación hai oito anos na candidatura de Xosé Manuel Sabucedo, defende un proxecto independente e alleo ás siglas. Defende unha universidade “aberta, dialogante e plural”, “coa participación de todos os estamentos, máis implicada na sociedade e coñecida internacionalmente”.


Ligazóns

4.77/5 (13 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: