Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Eleccións na Universidade

UVIGO: dúas propostas para a futura pilotaxe da institución

Alberto Gago non opta á reelección e abre a competición entre Salustiano Mato, membro do seu equipo de goberno, e o catedrático Xaime Cabeza.

Redacción - 17:15 23/03/2010

A carreira pre-electoral para a pilotaxe da Universidade de Vigo abriuse a finais do mes de outubro do ano pasado cando o actual reitor, Alberto Gago, sorprendía ao seu propio grupo de apoio, Alternativa Universitaria, ao anunciar que non se presentaría á reelección. Gago, que xa formara parte do equipo do anterior reitor, Domingo Docampo, aludiu ao cansazo logo de case catro anos no cargo e á vontade de centrarse no seu labor docente e investigador para xustificar a súa decisión.

A decisión de Gago inmediatamente era xulgada desde o grupo opositor Nova Universidade como un recoñecemento tácito do suposto "fracaso" do último treito de goberno. Doutra banda, o grupo liderado por Jaime Cabezas tamén se referiu ás presuntas tensións de poder internas na plataforma rival e a un presunto acordo oculto para darlle paso a un novo candidato. O propio Cabezas axiña se convertía en candidato do seu grupo ao relevo de Gago. Mentres, a rede que apoio o aínda reitor consensuaba arredor do nome do ex director xeral de I+D, Salustiano Mato, membro do actual equipo de goberno. Esta circunstancia orixinou que en datas recentes, os membros do grupo opositor acusaron a candidatura apadriñada polo actual equipo de goberno de presunto uso de recursos e actos institucionais da institución para facer campaña electoral.

Á espera de que o acercamento do inicio da campaña oficial traia a primeiro plano máis posicionamentos concretos acerca dos desafíos, necesidades e proxectos para a institución, a iniciativa Campus Mar está chamada a ser un dos puntos de consenso na batalla electoral. O propio reitor fixo unha chamada a deixar este ambicioso proxecto á marxe da rifa polo reitorado, convidando os candidatos a pecharen filas neste asunto, co que a Universidade de Vigo aspira a consolidarse como referente nacional en docencia e investigación mariña. A iniciativa aspira a recibir a certificación de Campus de Excelencia Internacional.

Prazos
O próximo xoves 20 de maio é a data fixada para que a comunidade universitaria viguesa pase polas urnas a escoller o novo reitor e os membros do seu claustro. O elixido será o quinto reitor na historia da institución olívica. Como novidade, os electores terán a oportunidade de escoller un máximo do 60% de candidatos masculinos ou femininos, no que pretende ser unha medida "correctora" en favor da paridade nos órganos de goberno da universidade. A campaña electoral propiamente dita comeza o oficialmente o día 5 de maio e remata o 18. No que lle toca á votación de reitor, se é necesaria unha segunda volta a votación será unha semana máis tarde, o xoves 27 de maio.

Quen é quen?
Jaime Cabeza, á fronte de Nova Universidade e Salustiano Mato, encabezando o grupo Alternativa Universitaria, son os candidatos á reitoría viguesa. A xeito de anécdota, hai que subliñar que ambos os dous candidatos móvense en ámbitos ideolóxicos próximos ao nacionalismo. Máis coñecida é a militancia de Mato, quen foi director xeral de I+D durante a anterior lexislatura, dentro da Consellaría de Industria, xestionada polo BNG. No caso de Cabeza, é coñecido o seu labor de asesoría no ámbito da Confederación Intersindical Galega (CIG).

Xaime Cabeza
Catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Xaime Cabeza é licenciado e doutor en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, coa tese 'La buena fe en la negociación colectiva'. Imparte docencia en Vigo desde 1993, sendo profesor titular desde 1996 e catedrático desde o 2000. As súas principais liñas de investigación enmárcanse nos ámbitos da non discriminación por sexo-xénero e por idade nas relacións laborais; a liberdade sindical e representación das traballadoras/es na empresa; desemprego e xubilación; e políticas sociais comunitarias. Foi investigador principal de diversos proxectos financiados polo Ministerio de Educación e pola Xunta de Galicia, director de dous módulos europeos Jean Monnet, de Dereito Social Comunitario e de Conciliación de vida persoal, familiar e laboral, profesor invitado en varias Universidades europeas e latinoamericanas, participou como redactor de borradores de proxectos de lei vencellados a igualdade e non discriminación, árbitro de eleccións sindicais e de conflitos colectivos e presidente de varios convenios colectivos.

Xaime Cabeza foi proclamado candidato o pasado mes de decembro.

Salustiano Mato
Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago en 1986, Salustinao Mato é dende o ano 2000 catedrático de Zooloxía do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo da que foi vicerreitor de Investigación dende maio de 1998 até agosto de 2005. Desenvolveu a súa carreira investigadora no campo da bioloxía e faunística de miñocas de Galiza, participando en diversos proxectos de inventario e catalogación de invertebrados terrestres e publicando diferentes traballos en revistas científicas de prestixio internacional. No ano 1987 foi investigador postdoctoral nas universidades estadounidenses de Rutgers e Cornell, participando no desenvolvemento dos sistemas de compostaxe que alí se estaban a deseñar. Despois do seu retorno a Galiza, iniciou unha nova liña de investigación baseada no deseño de sistemas de compostaxe nos que primará un correcto desenvolvemento do proceso biolóxico fronte a criterios unicamente tecnolóxicos. A finais de agosto de 2005 e ata maio de 2009 Salustiano Mato exerceu como Director Xeral de I+D+i da Xunta de Galicia.

Salustiano Mato foi proclamado candidato o pasado mes de xaneiro.


Máis información na web oficial da Universidade de Vigo: Eleccións 2010 e seguimento da actividade dos candidatos


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: