Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FÚTBOL DE TERCEIRA DIVISIÓN

Os obreiros do balón

O salario medio dun xogador da máxima categoría galega non sobrepasa os 500 euros. Viaxamos á outra cara dun deporte que paga astronómicas cantidades aos que forman parte da súa elite.

R.Vilar - 13:20 24/03/2010

A Terceira División é a máxima categoría galega de fútbol. Máis de 400 xogadores de todas as comarcas do país pelexan cada domingo cunha arela:  dar o salto a equipos superiores. Entrar na elite do fútbol é unha lotaría que toca moi poucas veces. Mentres tanto, hai que conxugar o deporte con outras ocupacións que permitan chegar a fin de mes.

Directivos de clubes consultados por Vieiros recoñecen que o soldo dun xogador de Terceira anda arredor dos 500 euros ao mes. Máis aló de medias, os salarios varían notabelmente segundo o equipo. O grupo de mileuristas é moi reducido e só as estrelas dos clubes máis potentes poden chegar a salarios que oscilan entre os 1.200 e os 1.500 euros ao mes. A isto habería que sumar modestas cantidades económicas que fixan algúns equipos por partido gañado ou por consecución de obxectivos a final de cada tempada.

Máis altos son os soldos medios dos adestradores (1.200 euros mensuais). Ao igual que os xogadores, os técnicos teñen, a maiores das citas dos domingos, entre tres e catro sesións de traballo cada semana. Ao non seren profesionais, as cantidades percibidas figuran como dietas, xeralmente baixo o epígrafe de “gastos de locomoción”. As mensualidades de cada tempada redúcense a dez (xa que non é habitual que no parón do verán xogadores e técnicos perciban salarios).

A semiprofesionalidade chega en Segunda B
Seis clubes galegos compiten na Segunda División B estatal: Pontevedra, Montañeiros, Celta B, Lugo, Racing de Ferrol e Compostela. A chamada categoría de bronce do fútbol español é a última porta antes da profesionalidade plena. Porén, a diferenza de salarios con respecto aos xogadores de Terceira División é xa notábel. Mentres un clube medio pode pagarlle entre 1.500 e dous mil euros ao mes a un seu futbolista, os xogadores que militan en clubes con maior orzamento e que teñen como obxectivo subir á Segunda División A poden superar os tres mil.

Primeira e Segunda División A, as outras galaxias

Entre soldos e dereitos de imaxe, nin Lionel Messi nin Cristiano Ronaldo baixan dos 30 millóns de euros ao ano. Son os mellores pagados dun fútbol español que lle garante por convenio un mínimo de 120 mil euros anuais brutos aos xogadores de Primeira e de 60 mil aos de Segunda A.

O único equipo galego de Primeira División, o Deportivo da Coruña, ten estipulado un salario bruto mensual de 12 mil euros para cada membro do plantel (aquí non se inclúen nin as primas nin as substanciosas fichas que se pagan a maiores)


4.69/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe dun partido da Terceira División
Imaxe dun partido da Terceira División
O Montañeiros da Coruña deu o salto este ano á Segunda División B, unha categoría semiprofesional
O Montañeiros da Coruña deu o salto este ano á Segunda División B, unha categoría semiprofesional
Cristiano Ronaldo é canda Messi o xogador con maiores ingresos no fútbol estatal
Cristiano Ronaldo é canda Messi o xogador con maiores ingresos no fútbol estatal