Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONTRA A PRIVATIZACIÓN

Os vigueses saen á rúa por un hospital público

Unhas 50 mil persoas rexeitaron en manifestación o novo modelo sanitario proposto pola Xunta, ao entender que abre a porta á xestión privada.

Redacción - 10:00 26/03/2010

"A privatización prexudica a túa saúde: hospital público xa”. Baixo este lema uns 50 mil vigueses (46 mil segundo a Policía Local) manifestáronse na noite do xoves nunha mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. Coa marcha, rexeitaron novamente o modelo que consideran que está a implantar a Xunta en materia de sanidade: o camiño da privatización.

Os manifestantes criticaron os proxectos dos hospitais de Vigo e Pontevedra, que contemplan que o Sergas entregue o financiamento e a construción a unha empresa privada, que tamén se encargará de explotar os servizos non asistenciais. Así o dixo o portavoz da Plataforma, Manuel Martín, quen lamentou as consecuencias que terá este novo sistema: “haberá na práctica unha xestión privada, unha redución no número de camas e pasará de custar 400 a 1.400 euros”, dixo en referencia ao centro vigués. “Aquí comeza unha mobilización que se estenderá a toda Galiza”, subliñou Martín no manifesto final, “non permitiremos que o Goberno hipoteque a sanidade pública”.

Entre os participantes na marcha estivo o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o tenente de alcalde, Santiago Domínguez; e representantes sindicais e membros doutras plataformas en defensa da sanidade pública, así como traballadores dos centros hospitalarios.


4.89/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: