Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O xogo de poder atranca unha conflitiva negociación

O futuro das caixas: entendemento ou caos

Reclámanse solventes pero os seus argumentarios insinúan que os buratos son maiores dos confesados. Caixa Galicia e Caixanova sentan agora na mesa, mais as posicións seguen inflexíbeis.

R.N - 13:00 26/03/2010

Desde o Banco de España e o goberno español xa se expuxo anteriormente que un mapa financeiro a nivel estatal cun máximo de cinco ou seis caixas sería un escenario idóneo. Segundo as propias claves que manexa Madrid, a galega non sería unha desas caixas. Con todo, no sector financeiro galego existe a convicción de que, se Caixa Galicia e Caixanova son capaces de poñerse de acordo, a institución presidida por Fernández Ordóñez non se ía opoñer á fusión galega. Á xunta tócalle de xeito especial poñer en xogo a diplomacia necesaria para conseguir un consenso que amañe o que no sector consideran que estragaron o director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, pola súa responsabilidade nunha serie de desastrosas operacións que puxeron a entidade ao borde do precipicio, e Xulio Fernández Gayoso, pola súa teima en poñer por riba de todo o seu poder persoal en Caixanova e a súa intransixencia á hora de bloquear as negociacións.

Se a fusión galega fracasa, Caixa Galicia e Caixanova teñen un guieiro preciso. En ambos os dous casos, as cúpulas das caixas, Méndez e Gayoso, non dubidarían en iniciar noivados con caixas de fóra. O guieiro máis avanzado é o de Caixa Galicia, que desde hai ben tempo iniciou contactos con Caja Madrid. Mentres, Caixanova mantén conversas con Cajastur ou Caja Cantabria, entre outras. Nos dous casos, a fórmula dun SIP sería a ferramenta inicial para vender diante da opinión pública ese paso. "Anestesia a curto prazo e durante un par de anos", agoira unha das fontes preguntadas, até que se materialice a absorción. Teoricamente, esa venda ao exterior do sistema financeiro galego estaría protexida pola capacidade de veto da Xunta, unha marxe de manobra que o Fondo de Reestruturación pon en cuestión. En todo caso, o goberno Feijoo ten insistido en que só apoiará unha fusión galega. Pero desde o entorno de Mariano Rajoy, o cerebro económico do PP, Cristóbal Montoro, expresou reiteradamente a súa aposta polas chamadas fusións interrexionais. Un posíbel acordo PP e PSOE para mudar a lei estivo na mesa varias veces.

Esperando polo "sentidiño"
"Quimioterapia para un cancro". Con esa dureza definía o secretario xeral dos socialistas, Manuel 'Pachi' Vázquez a receita da fusión para o futuro das dúas caixas de aforros galegas. Unhas declaracións que desde o contorno das caixas son vistas como erráticas e exemplificantes do estremo ao que chegou a tensión. O futuro do sistema financeiro galego aparece a cada paso máis negro "se alguén non ten axiña un ataque de lucidez", expón unha das fontes consultadas por Vieiros. Na reflexión do líder do PSdeG asoman tres evidencias que, xulgan no contorno das entidades, aparecen bastante claras. A primeira é que os socialistas saben mellor ca ninguén no escenario político da realidade da situación de Caixa Galicia e Caixanova. Información de primeira man desde o goberno español e a través do Banco de España, e tamén datos polo miúdo logo de catro anos na Xunta pilotando ademais a área económica do Goberno.

A segunda evidencia é que a situación das caixas galegas é ben máis complicada da que en público as dúas entidades están dispostas a recoñecer. A propia advertencia que desde Caixanova se envía ao respecto da inxección necesaria desde o FROB para unha hipotética fusión é abondo significativa. Avalían que cumpriría arredor do dobre da cantidade proposta pola auditoría independente. Tácita admisión de que os buratos nas contas precisan de parches maiores dos recoñecidos até o de agora. A suposta solvencia xa non é argumento defendíbel a medida que se precipitan os acontecementos. E o órdago desde o Banco de España asoma con claridade: se non avanzan as fusións posíbeis hai marxe de manobra para "liquidar" caixas.

Caixanova ao temón? Si, pero non así
En calquera caso, a chamada a Caixanova a coller o temón da fusión non deixa de ser un sinal de que, lonxe as dúas de estaren saneadas, a situación de Caixanova é significativamente mellor. A Caixa Galicia, especialmente afectada polas súas gravemente equivocadas operacións no sector do ladrillo, urxiríalle máis acelerar os movementos, sexa nun ou noutro sentido.

O calendario xoga tamén en contra de Méndez: a inminencia da presentación das contas en poucos días ofrece pouca marxe para maquillaxes contábeis. O propio ultimato que este venres a cúpula coruñesa manexa poñer enriba da mesa é unha evidencia de que os tempos se esgotan. Para o sector de Méndez non se trata só de sacar peito fronte á cancha gañada por Gayoso ou Pego os últimos días. Á porta está tamén a próxima presentación de contas, e os números non están para florituras.

Pero coa realidade das contas oculta baixo sete chaves, os principais dirixentes loitando por manter a máxima cota e os actores políticos xogando a poñer o debate en función dos seus propios intereses estratéxicos, o escenario complícase. "O principal activo das caixas é a súa relación co territorio", explica un experto do sector consultado por Vieiros. Unha idea que expresa a convicción de que non poderá triunfar unha fusión que sexa vista como un proceso de privilexio para unha das dúas partes. Malia ser conscientes diso, os protagonistas políticos teiman en distorsionar a situación. Exemplo de como seguir abrindo ferida no canto de facilitar o consenso son as declaracións do alcalde de Vigo cando abrollou a posibilidade de que Caixanova pilote o proceso. En plena voráxine preelectoral, Abel Caballero non dubidou en definir como única saída o que cualifica de "absorción" de Caixa Galicia por parte de Caixanova e presentar a fusión como un "proxecto de Vigo" para Galiza.

"Non hai ningún axente neste proceso que actuase con altura de miras", lamenta un bo coñecedor das interioridades das caixas co que falou este xornal. Hai quen pensa que os últimos movementos de aproximación serían apenas unha estratexia para vender máis doadamente ao público a ausencia de acordo: "Sentaron, pero as posicións parecen igual de inflexíbeis". Á luz dos enroques dos actores económicos e políticos nas súas posicións, uns por outros, as caixas sen varrer.


4.9/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: