Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Iniciará investimentos fóra de Galiza

Primeiro chanzo de R cara a converterse en faragulla ao vento do capital risco

A poxa entre o capital risco neerlandés e británico resólvese en favor deste último. Mais o final será o mesmo: en breve arredor do 71% da empresa estará en mans foráneas.

Redacción - 11:15 14/04/2010

Un 35% de R xa non está en mans galegas. A compañía británica CVC Capital Partners gañoulle a partida a KPN, dos Países Baixos, poñendo na mesa 236 millóns de euros. Na práctica as accións que cambian de mans son as do Banco Pastor (9,91%), Cable Total (9,72%), Emalcsa (1,89%), Faro de Vigo (1,54%) e Inversiones Telecom Galicia (0,28%). Tamén vende a súa cota o grupo Inversiones Gallegas de Cable (10,24%) que sumaba á súa vez a participación na tecnolóxica galega dos grupos editores dos principais medios galegos do papel, agás La Voz, e empresas como o Grupo Tojeiro, Jealsa, Ceferino Nogueira e Hijos de Rivera).

Á vez, nesta primeira fase da operación, Caixanova redondea a cifra para CVC desfacéndose de apenas un 1,2% da súa parte maioritaria. Un xesto significativo en todo caso xa que a operación foi de feito pilotada pola entidade financeira presidida por Xulio Fernández Gayoso, quen a curto prazo permanecerá como vicepresidente da empresa, presidida por Honorato López Isla. En pleno proceso de negociación con Caixa Galicia para a posíbel fusión financeira, Caixanova evita así de momento executar inmediatamente un desinvestimento que lle garantiría unha rápida liquidez para as súas contas. Así e todo, de non virar moito a situación, o futuro aparece claro. CVC resérvase opción de compra (ver comunicación oficial de Caixanova á Comisión do Mercado de Valores) e na conxuntura actual non funcionará estratexia de país senón estratexia de mercado á hora de asistirmos aos próximos chanzos. En breve, o obxectivo da compradora é acceder a un capital mínimo do 71%, accións que sairán do paquete do 65% que agora mesmo mantén Caixanova.

Sede social en Galiza, e prognóstico de acceso a novos mercados
Desde Caixanova e a propia R aproveitan para subliñar que o grupo británico-luxemburgués CVC Capital Partners, realiza con esta operación o seu primeiro investimento no sector das telecomunicacións. Nese sentido, prognostican a posibilidade de que a operadora R poida mesmo chegar a ser punta de lanza do grupo de capital risco á hora de despregar novos investimentos no eido TIC.

Deste xeito, o acordo de entrada de CVC en R implica varios compromisos. O primeiro deles, a potenciación dos plans de crecemento da compañía en novos mercados. Non está claro así e todo se as promesas de investimento de até 1.500 millóns de euros durante os próximos cinco anos servirán para fornecer as iniciativas necesarias para a extensión da banda larga en Galiza. Desde a empresa esperan que cando menos "unha parte significativa" si se concentre en Galiza, mais saliéntase que a meta estratéxica é engraxar novas operacións comerciais fóra do país. Desde Caixanova subliñan que a vontade de expandirse e investir fóra de Galiza aproveitando R como panca de entrada noutros mercados fora xa un obxectivo proxectado cando en 2008 se facían coa cota de Unión Fenosa para controlar a maioría da operadora.

"Eliximos R pola súa historia de éxito no sector de telecomunicacións e a demostrada eficacia do seu actual modelo de xestión, que mantén parámetros excepcionais dentro do sector a nivel mundial", subliña Javier De Jaime, directivo de CVC. Ao tempo, De Jaime afirma seren conscientes desde o seu grupo que "boa parte do éxito de R radica na súa identificación con Galiza e a súa proximidade cos clientes" e asegura que manterán "cultura e valores da firma" ademais da propia sede social e operativa da empresa. "Apostamos por Galiza, e desde aquí queremos crecer noutras areas xeográficas", subliña.


1.67/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: