Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
EDITORIAL

O “adelgazamento” da cousa pública

Os salarios recórtanse (malo), a economía decrece (negativo),... pero a administración pública faise “adelgazar” (ponse en forma para o verán, fáiselle a operación bikini: positivo!!!!).

Redacción - 15:42 28/04/2010
Tags:

A operación propagandística está servida. En realidade, as fundacións que se liquidan xa estaban liquidadas, na súa grande maioría, polo goberno anterior. Pouco importa se é a costa, unha vez máis, da imaxe e o prestixio do “público”. Esa é a idea que se transmite e reforza: o público pesa e cómpre perder peso. 


Nada que obxectar á liquidación de chiringos, pero cómpre explicalo doutra maneira. Haberá que falar do sentido que tiñan, da súa eficacia, da súa capacidade ou incapacidade para cumprir obxectivos e, tamén, como non, do seu custo. 


Pero que ninguén se engane: unha administración anémica só alegra aos empresarios privados e aos que se poden pagar os servizos básicos por fóra dos sistemas públicos. 


Tampouco se poden facer políticas públicas sen instrumentos. Debe construírse un esqueleto público para vertebrar os servizos indispensables para todos. Resulta chamativo que se traslade á xente ese prexuízo do “peso e a necesidade de adelgazar”, cando sabemos que as listas de agarda na Sanidade están maquilladas e non paran de medrar, cando non foi posible aplicar a LOXSE de maneira plena por unha falta de especialistas e educadores especializados para a diversificación curricular.


E, aínda menos, tampouco se defende que, en tempos de crise, con todas as súas consecuencias nos máis débiles, se cuestionen continuamente os servizos sociais que está prestado o Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, cun equipo de traballadoras repartido por todo o territorio, toda unha garantía de que tamén nos concellos rurais, as persoas excluídas e dependentes, teñan un apoio equiparable á xente que vive na cidade. 
 

Tampouco hai que esquecer –aviso a navegantes- que, onde máis ten “adelgazado” o Estado (Valencia, Madrid) é onde máis engordou o Gürtel. Ollo ao piollo!


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: