Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
'O galego, o noso existir'

"Quen cre en Galiza, defende a lingua"

Unha bola de pan... un corazón. Con esa simboloxía xoga a campaña coa que deica o 17 de maio convoca á cidadanía a plataforma Queremos Galego. Vídeo no interior.

Redacción - 17:45 30/04/2010

"Quen cre nas potencialidades de Galiza, defende a identidade do país e defende a lingua". Subliñouno esta sexta feira o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, durante a presentación da campaña coa que a plataforma Queremos Galego convoca á mobilización cidadá o vindeiro Día das Letras.

Unha xornada de 17 de maio que a plataforma prognostica "histórica" e "masiva" nas rúas de Santiago de Compostela. Na opinión de Callón, servirá para "visualizar e afortalar a unidade social existente neste momento arredor da defensa do galego". "Unha unidade da que só se autoexclúe o Partido Popular, que será o único que non estea mobilizándose na rúa o 17 de maio en favor da lingua e da cultura propias do país", recordou o portavoz da Mesa.

'O galego, o noso existir'
A lingua como sustento, "como algo que vincula directamente a existencia material do noso pobo” e “o amor pola nosa cultura e a demanda da súa presenza, para que acade plena normalidade no espazo que lle é propio” son as ideas que busca transmitir a campaña que, comarca a comarca, anima desde este mesmo venres a cidadanía a participar nesta xornada. En prol desas dúas ideas deseñouse o lema "O galego, o noso existir", a pé dunha bola de pan e a forma dun corazón.

Durante a súa intervención Callón queixouse especialmente do gasto que a Xunta proxecta facer a prol do "decretazo" sobre as linguas no ensino. "Un millón de euros nunha campaña contra o galego" que resulta "un insulto ás familias" moito máis evidente na actual conxuntura de crise. "No PP saben que contan cun rexeitamento unánime e por iso utilizarán fondos públicos nunha macroacción propagandística impresentábel", denunciou.

Na web da Plataforma Queremos Galego haberá en datas próximas información de rutas e horarios de buses para acudir á manifestación do 17.


4.78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: