Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ordenación do territorio

Un informe do IGEA alerta de que a Lei do Litoral podería declararse nula por "irregularidades"

Dous expertos en Dereito Urbanístico aseguran que, entre outras cousas, o texto carece dun estudo económico e excédese en competencias, suplantando as dos concellos.

Redacción - 10:50 03/05/2010

Expertos en Dereito Urbanístico, por encargo do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) elaboraron unha análise do Plan de Ordenación do Litoral da Xunta. Segundo o informe, asinado por Enrique Sánchez Goyanes e Ignacio Sanz Jusdado, o plan "adoece dunha serie de irregularidades que, dende o punto de vista xurídico, faríao contrario a Dereito".

Entre esas irregularidades está o feito de que se tramitase o plan sen ter aprobado previamente unhas Directrices de Ordenación do Territorio, o que "vulnera o disposto na Lei de Ordenación do Territorio de Galicia". Así mesmo, os xuristas consideran que o POL se "extralimita" sobre os contidos que a lei fixa para este tipo de plans, pois trata asuntos como previsións de carácter proteccionista, a delimitación de ámbitos ou o estabelecemento dun réxime de usos do solo, que se atoparían fóra das súas competencias.

O informe publicado polo IGEA salienta, ademais, que o plan contén regulación "insuficiente" sobre a súa convivencia ou prevalencia cos plans urbanísticos municipais, o que "traerá da man non poucos problemas de inseguridade xurídica". Tachan, ademais, o texto de "irrespectuoso coa autonomía local", ao non deixar marxe "para que os concellos afectados xestionen as súas competencias". Así, o plan supera a súa condición de "simple referente para o planeamento urbanístico municipal" que lle atribúe a Lei de Ordenación do Territorio e, segundo a análise, supón "unha imposición dun completo e pechado réxime urbanístico" que "suplanta o planeamento municipal".

O Plan de Ordenación do Litoral "fúrtalles aos concellos certas potestades" sobre a autorización de usos e actividades do solo e déixallas á "Administración autonómica", outorgándolle "unha marxe de decisión discrecional", que pode derivar en "decisións arbitrarias e inxustas, inseguridade xurídica e poñerá en cuestión o principio de igualdade de trato".

Por se fose pouco, os dous autores do informe advirten que o texto do POL carece do imprescindíbel estudo económico e do documento que acredite a súa sustentabilidade económica, algo que os tribunais están a sancionar "coa nulidade destes plans", como xa acontecera co PXOU de Gondomar en 2001. Tamén botan en falta un réxime transitorio para regular a aplicación paulatina da nova formativa, o que, afirman os expertos, é unha exixencia "de orde case constitucional".

O informe completo pódese consultar na web do IGEA.


Ligazóns

4.33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: