Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
A mil millóns de quilómetros por hora

Stephen Hawking ve posíbel viaxar ao futuro (mais non ao pasado)

Conseguiríase en base ás teorías da relatividade de Einstein, isto é, a medida que os obxectos se aceleran no espazo, o ritmo do tempo desacelérase para estes.

Redacción - 12:30 03/05/2010
O científico inglés Stephen Hawking

O científico inglés Stephen Hawking

O científico inglés Stephen Hawking, ex docente da Universidade de Cambridge, ve posíbel que un día o ser humano sexa quen de construír unha nave espacial tan veloz que lle permita viaxar no tempo e avanzar varias xeracións no futuro.

O profesor expón esta teoría no documental O universo de Stephen Hawking que emitirá o vindeiro domingo a canle estadounidense Discovery Channel, informou esta fin de semana The Sunday Telegraph.

Segundo Hawking, viaxar ao futuro podería conseguirse en base ás teorías da relatividade de Albert Einstein, que sosteñen que, a medida que os obxectos se aceleran no espazo, o ritmo do tempo desacelérase para estes.

Para os automóbiles ou os avións este efecto é imperceptíbel, mais a nave espacial concibida por Hawking estaría totalmente exposta ao fenómeno debido á súa gran velocidade, de até mil millóns de quilómetros por hora. Isto supón un vehículo de escala xigantesca para poder transportar todo o combustible necesario.

"Levaría seis anos a toda potencia alcanzar esa velocidade. Logo dos dous primeiros anos alcanzaría a metade da velocidade da luz e situaríase bastante lonxe do sistema solar, e logo doutros dous anos chegaría ao 90% da velocidade da luz", afirma na serie. "A esas velocidades, unha viaxe ao fin da galaxia levaríalles 80 anos ás persoas que estivesen a bordo", engade, segundo o xornal.

Non cre nas viaxes ao pasado
Porén, Hawking -que recoñece que perdeu a súa anterior "cautela" á hora de falar destes temas considerados "herexías" na comunidade científica- non cre na posibilidade de viaxar ao pasado, nin sequera a través de "buratos" ou "atallos" entre diferentes partes do Universo.

Viaxar ao pasado, considera, que crearía un paradoxo científico: un investigador podería viaxar ao pasado e dispararse a si mesmo anos atrás, o que exporía a cuestión de quen apertou o gatillo. "Este tipo de máquina do tempo violaría a lei fundamental de que a causa debe existir antes que o efecto", sinala, e engade que "as cousas non se poden facer imposíbeis para si mesmas".


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: