Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN RIBEIRA DE PIQUÍN

Veciños, pescadores e ecoloxistas en contra da presa no Eo

O aproveitamento eléctrico do río, cunha concesión de hai 88 anos, afectaría a 12 quilómetros do río e a un espazo natural Rede Natura e Reserva da Biosfera.

Redacción - 11:33 13/05/2010
Chao do Pousadoiro, no río Eo, en Ribeira de Piquín

Chao do Pousadoiro, no río Eo, en Ribeira de Piquín

En 1922, hai 88 anos, foi concedida a licenza para a construción dunha central hidroeléctrica no río Eo, no concello de Ribeira de Piquín. A concesión era por 99 anos con un máximo de sete para executar as obras. Porén, é agora cando o proxecto está sometido a información pública, co obxectivo de facelo efectivo, malia a oposición xeneralizada de veciños, pescadores e ecoloxistas.

88 anos despois
Após do permiso concedido en 1922, non foi até novembro de 2004 (82 anos despois), cando a Confederación Hidrográfica do Norte (CHN) iniciou o espediente de extinción do aproveitamento hidrolóxico, xa que a explotación nunha chegou a facerse efectiva. Porén, en marzo de 2005 outro titular, Miguel García-Gesto Fraga, solicitou o cambio de titularidade da concesión ao seu nome e a rehabilitación do dereito de explotación da présa. Paralízase entón o expediente de caducidade, e este mesmo ano, en abril, a Confederación Hidrográfica co Cantábrico publicou no Boletín Oficial de Lugo un anuncio polo que se somete a información pública o Proxecto e mailo Estudo de Impacto Ambiental da solicitude de rehabilitación do dereito da concesión.

Alegacións ao proxecto
Diferentes colectivos xa están a presentar alegacións contra a présa, apurando o prazo, que reamta o vindeiro martes 18 de maio. Así o fixeron, por exemplo, Amigos da Terra ou Adega, quen denuncian o deterioro ambiental que suporá a construción da minicentral. Mais tamén veciños e pescadores están a amosar a súa oposición ao aproveitamento hidroeléctrico do río: na pasada fin de semana un cento de persoas manifestáronse en Chao do Pousadoiro en sinal de protesta.

A maiores, os veciños están a promover campañas de recollida de sinaturas en contra da iniciativa e os pescadores están a elaborar un informe técnico que explique as consecuencias que sobre o ecosistema fluvial terá a infraestrutura.

Impacto ambiental, social e económico
Cuns ríos sobreexplotados e cun excedente de enerxía eléctrica en Galiza, os ecoloxistas subliñan que o proxecto está situado no núcleo mesmo da Reserva da Biosfera “Río Eo, Oscos e Terras de Burón” e afecta a un espazo da Rede Natura, con importantes hábitats comunitarios e con toda unha diversidade de especies de flora e fauna que as Directivas europeas obrigan a conservar. Así se pronuncia por exemplo Adega, quen subliña que, ademais do impacto ambiental, tamén son importantes os impactos sociais e económicos.

De levarse a cabo, din, o proxecto “vai supoñer a derivación de practicamente todo o caudal do río al longo un treito de máis de 12 km que deixa sen futuro a toda a riqueza e potencial piscícola do coto de Ribeira de Piquín, con máis de 800 socios”. Ademais, “vai afectar a 255 parcelas dos veciños da zona cunha superficie total de 117.200 metros cadrados e suporá un impacto irreversíbel sobre un patrimonio arqueolóxico de enorme interese, como o da explotación mineira de orixe romana de Montefurado”. Falan tamén da degradación dos valores paisaxísticos do río Eo e do seu entorno, impedindo o desenvolvemento de calquera proxecto futuro que poña en valor os recursos paisaxísticos, arqueolóxicos e etnográficos da zona.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Na pasada fin de semana, veciños, ecoloxistas e pescadores manifestáronse en Ribeira de Piquín (clica para ampliar)
Na pasada fin de semana, veciños, ecoloxistas e pescadores manifestáronse en Ribeira de Piquín (clica para ampliar)
Este sábado, ás 5 da tarde na Escola Vella do Chao de Pousadoiro, Adega ofrece unha charla sobre o tema
Este sábado, ás 5 da tarde na Escola Vella do Chao de Pousadoiro, Adega ofrece unha charla sobre o tema