Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
DECLARACIÓNS DE CAROLUS WIMMER

"Medidas económicas españolas sacrifican á clase traballadora e benefician ao gran capital"

Declarou Carolus Wimmer, vicepresidente do Parlamento Latinoamericano (Parlatino) e secretario de Relacións Internacionais do Partido Comunista de Venezuela (PCV) sobre as primeiras medidas económicas anunciadas no Estado español.

Xurxo Martínez Crespo - 16:05 14/05/2010

"As medidas económicas anunciadas esta terza feira polo goberno socialista de José Luis Rodríguez Zapatero, poñen ao descoberto a política do gran capital mundial en contra da clase traballadora, que agora é sacrificada en nome dunha crise que crearon as mesmas quenllas financeiras que son proprietarias dese gran capital".

Segundo Wimmer estas medidas económicas anuncian para o futuro próximo do Estado español unha crise semellante á de Grecia "que foi submetida ás políticas brutais dos organismos financeiros da Unión Europea e do nefasto Fondo Monetario Internacional (FMI)".

Sinalou que nestes dous anos da crise financeira, os esforzos das estruturas de dominación do capitalismo español estiveron tratando de apontalar o sistema de explotación e evitar a súa quebra total, que, segundo Wimmer, foi inútil e non hai máis que observar os acontecementos das últimas semanas.

"Os máximos representantes do imperialismo - a UE por un lado e o presidente Obama por outro - optaron por impór, sen máis contemplacións, o ditado do capital. O caótico goberno do PSOE obedece submisamente, sabendo que xa remataron todos os prazos, e que non cómpren máis fuxidas cara a diante, como fixeron até hai ben pouco. Gobernase deste xeito para contentar aos amos ", dixo o dirixente comunista venezuelano.

Carolus Wimmer está no Estado español atendendo á xuntanza entre a Unión Europea e América Latina, agregou con respecto á situación do Estado español,  que estas medidas económicas non tocan o sector financeiro, ás grandes fortunas, nin aos grandes beneficios empresariais.

"É un plano á medida da oligarquía, para que siga con seu expolio xeralizado do Estado e das súas xentes, igual que en Grecia e como van facer co resto dos países que sexan declarados en quebra. Porque ise é o mesmo conxunto de medidas deseñado polo FMI no que sempre pagan os máis pobres, tal como foi aplicado en Venezuela na IV República", reiterou.

Insistiu en que esta é unha crise mundial que non ten solución dentro do marco do sistema capitalista e que a única alternativa é o socialismo.

"O capitalismo fai tempo que non ten nada positivo que oferecer ás grandes maiorías, aínda que si ás oligarquías parasitarias de cada país. Hoxe a actitude máis razoábel do pobo é a procura dun desenlace orientado cara á construción da sociedade socialista. Aí está o futuro de liberdade e xustiza social", concluíu o comunista venezuelano Carolus Wimmer.


Ligazóns

4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: