Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Venezuela

Edición xestionada por Xurxo Martínez Crespo
RSS de Venezuela
ANUNCIOU O MINISTRO DE FINANZAS JORGE GIORDANI

Suspendido mercado de compra-venda de valores en divisas

O ministro de Planificación e Finanzas, Jorge Giordani, declarou á prensa que o mercado de valores venezuelano é altamente especulativo, razón pola que se modifica a Lei de Ilícitos Cambiarios que permite ao Banco Central de Venezuela asumir o monopolio do mercado de divisas.

Xurxo Martínez Crespo - 14:10 19/05/2010

O ministro Giordani ratificou que o mecanismo de taxación será exclusividade do Banco Central de Venezuela (BCV), con absoluta e total exclusión das casas de bolsa e bancos de investimento, tal e como foi aprobado pola Asemblea Nacional (AN), modificando a Lei de Ilícitos Cambiarios.

Lembrou que debido á crise financeira acontecida en 2009, pola acción desaxeitada dunha serie de bancos, o presidente Chávez protexeu os aforros dos venezuelanos a través do estatal Fondo de Garantías dos Depósitos (Fogade). "Con ese precedente aplicaremos as medidas que se requiran, por iso unha serie de leis foron estudadas e aprobadas" declarou o ministro Giordani.

"Estamos fronte a unha segunda avalancha financeira" resaltou, "un desarranxo institucional e alta especulación, feito que xa está en mans da Fiscalía e dos diversos organismos de investigación".

Explicou Giordani que no mercado de valores, os títulos valores perdían o seu valor de 100% a 33% nun mesmo día, durante a operación, "un fenómeno non visto en ningures(....) Isto era un mecanismo para a fuga de capitais (...) pretendían terminar coas nosas reservas internacionais a través deste mecanismo ".

Igualmente o presidente da Comisión Nacional de Valores (CNV), Tomás Sánchez, anunciou que a partir deste intre queda suspendido o mercado de compra-venda de títulos de valores en moeda estranxeira.

"A CNV iniciou unha serie de de investigacións cos seus fiscais e auditores e conseguimos serias evidencias de posíbeis operacións especulativas. Estamos verificando todo o relacionado á custodia deses títulos, porque temos certas presuncións de que estas institucións (casas de bolsa) están involucradas en delitos cambiarios ou en simulación de operacións", afirmou.

A modificación de tres artigos da Lei Contra Ilícitos Cambiarios, publicada na Gaceta Oficial Nº 38.879, estabelece:

Modifícase o artigo 2, en que se define con precisión o significado dos termos: Divisa, operador cambiario, operación cambiaria, autoridade administrativa en materia cambiaria e autoridade administrativa sancionatoria en materia cambiaria.

Modifícase o artigo 9, a través do que se estabelece que é competencia exclusiva do Banco Central de Venezuela (BCV) a compra e venda de divisas por calquera monto, ben sexa en moeda ou títulos valores.

Modifícase o artigo 16, incorporando ao Instituto para a defensa das persoas no acceso aos bens e servizos (Indepabis) e á Comisión Nacional de Valores (CNV) ao proceso de supervisión e fiscalización en materia cambiaria.  As institucións públicas ou privadas están obrigadas a colaborar coa Xustiza no procesamento dos casos que se deriven da aplicación da Lei.


Ligazóns

5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: